Máis arquitectura institucional e menos asfalto nos Orzamentos da Xunta para Santiago

s. lorenzo / r. martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O edificio Fontán e o novo complexo de San Caetano lideran o investimento en infraestruturas

24 novs 2020 . Actualizado ás 10:42 h.

A finalización ou o avanzado estado de execución das grandes obras proxectadas pola Xunta en Santiago ha ir concentrando boa parte do seu esforzo investidor, no que a infraestruturas se refire, en equipamentos institucionais. Aínda que é unha tendencia que vén de atrás, nos Orzamentos do 2021 faise máis nítida. Así, o novo edificio en construción no Gaiás e o complexo administrativo que se levantará no soar que agora ocupa a vella estación de autobuses son as dúas actuacións que absorben máis gasto nas contas que onte foron presentadas no Parlamento.

O edificio Fontán, ideado para acoller usos universitarios, recibe unha asignación de 4,9 millóns, de acordo coa memoria da Fundación Pública Cidade da Cultura, que contempla investimentos por 9,4 millóns para o exercicio que vén. E a chamada Cidade de San Caetano conta con partidas orzamentarias que suman 3,77 millóns e que deben permitir iniciar os traballos dunha primeira fase cuxo maior previsión de gasto está planificada pola Xunta para o ano 2022, con 9 millóns máis.

Este equipamento administrativo vai ligado a outros dous proxectos en marcha na cidade e que tamén figuran nos Orzamentos con partidas para rematar os traballos. É o caso da nova terminal de buses que entrará en servizo a principios do 2021, e que recibe 1,42 millóns para a súa integración. E tamén das obras de mellora paisaxística dos accesos do Camiño na cidade, que contarán con 3,32 millóns para o remate dunhas actuacións que, no caso do proxecto de entrada do Camiño Francés, inclúen a apertura dunha nova rotonda, que agora se atopa en obras, entre o que será esa futura Cidade de San Caetano e o Conservatorio.

No capítulo de infraestruturas viarias, o maior investimento cópana as obras de ampliación da autovía da Estrada (AG-59), con 4 millóns e a previsión de 8 no 2022 e outro tanto no 2023. Ademais, o desdobramento do viario Brión-Noia recibe 250.000 euros para rematar o proxecto. Os Orzamentos comprometen 4 millóns no 2022, 8 no 2023 e 8 máis no 2024 para executar esas obras que permitirán viaxar en autovía desde Santiago ata Noia.

Impulso do polo da Sionlla

Polo demais, as contas da Xunta para o 2021 destinan 26 millóns para impulsar o desenvolvemento do polo biotecnológico da Sionlla ­-unha aposta clave para avanzar na reindustrialización da cidade-, 5,5 millóns para a construción de 24 vivendas de promoción pública no Castiñeiriño, 10 millóns para a ampliación do Clínico e melloras en ucis dese complexo hospitalario, 1,7 millóns para o plan de transporte metropolitano, e un investimento que supera os 61 millóns para iniciativas do Xacobeo 2021, chamado a ser o principal motor da reactivación turística unha vez que o control da pandemia permítao.