O Sergas prevé abrir o novo centro de saúde do Milladoiro en decembro

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Os últimos traballos no ambulatorio xa finalizaron o día 6 deste mes

17 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O novo centro de saúde do Milladoiro poderá abrir as súas portas en decembro. Esta é a previsión que baralla o Sergas para a posta en funcionamento dun servizo que primeiro acumulou anos de atraso polos problemas para a disposición de chan, unha dilación que seguiu aumentando coas obras por problemas cunha das empresas e tamén continuou na recta final do proxecto, neste caso pola tardanza en completar a dotación de servizos básicos.

A data estimada do Sergas parte do cálculo de que a obra, que xa está rematada, podería recepcionarse durante a primeira ou segunda semana do mes de decembro, polo que, dependendo de cando se cumpra esta fase, producirase a apertura das ansiadas instalacións sanitarias do principal núcleo de Ames.

As últimas obras realizadas no centro encargounas o Concello, administración que considera que non eran da súa competencia, pero afirma que optou por asumilas para axilizar a apertura do centro de saúde. Segundo destaca o edil de Obras, Blas García, estes traballos quedaron listos o pasado día 6.

Consistiron na instalación do sistema para conectar a liña de media tensión do centro sanitario, ademais de presentar ante Unión Fenosa Distribución e a Consellería de Industria a documentación necesaria para a alta definitiva na subministración de gas e electricidade.

«Desta situación de remate das obras informouse xa á Axencia Galega de Infraestruturas e á Consellería de Sanidade, polo que agora mesmo todo o que o Concello comprometeu a facer, aínda que non era da súa competencia, xa está executado», afirma García, ademais de confirmar que o Concello reclamará á Xunta o pagamento dos traballos realizados, cuxo importe, segundo sinala o alcalde, José Miñones, rolda os 50.000 euros.

As obras realizadas previamente á instalación enerxética, que formaban parte do compromiso adquirido polo Concello de Ames con Sanidade, xa estaban rematadas desde o pasado 10 de agosto.

Esperas en plena rúa para atender consultas pediátricas

As carencias do actual centro de saúde do Milladoiro, moi pequeno e con barreiras arquitectónicas insalvables, son graves desde hai anos pero os protocolos de distancia social que obriga o coronavirus hanas agravado especialmente, sobre todo nesta época de ano de baixas temperaturas, cando é habitual que menores que deben pasar consulta pediátrica, tamén bebés, teñan que agardar a súa quenda á intemperie. A área de pediatría ocupa un local anexo ao centro de saúde, un edificio encajonado entre varias construcións, polo que a súa ampliación é inviable.