Teatro do Atlántico festexa os seus 35 anos con catro espectáculos en Santiago

La Voz

SANTIAGO

CEDIDA

Reporá no Salón Teatro as súas montaxes máis recentes desde mañá ata o domingo

30 sep 2020 . Actualizado ás 04:55 h.

Pasaron 35 anos e outras tantas producións desde aquela Xoana, de Manuel Lorenzo, que supuxo o debut de Teatro do Atlántico. A compaña creada en 1985 por María Barcala e Xúlio Lago atesourou ao longo desta dilatada traxectoria -sempre con montaxes en lingua galega- un amplo palmarés, xiras e presenza internacional. E agora, para soprar estas 35 velas de xeito especial, ofrecerá a reposición de catro das súas montaxes máis recentes desde mañá ata o domingo no Salón Teatro.

A celebración comezará coa posta en escena de , Helena: xuízo a unha lurpiaunha peza na que se aborda o drama do personaxe da mitoloxía grega Helena de Troia, interpretada por María Barcala. O venres chegará A conquista da escola de Madhubai, baseada na historia de Phoolan Devi, unha destacada referencia para o feminismo autóctono da India. O elenco está formado por María Barcala, Sheyla Fariña e César Goldi. O sábado 3 será a quenda de Dúas doas que bailan, unha proposta na que María Barcala e María Ángeles Iglesias métense na pel dunha viúva e unha profesora de Lingua e Literatura. Todas estas representacións son ás 20.30 horas e o custo da entrada é de 10 euros.

O broche á celebración do 35 aniversario será o domingo cun recital poético-musical a partir das 18.00 horas. María Barcala, Aleixandre Lago e Xúlio Lago interpretan poemas de varios autores contemporáneos acompañados pola música de Nani García.