Non queren decatarse

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo A SEMANA POR DIANTE

SANTIAGO

27 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Camiño unha noite de principios desta semana polo Ensanche de Compostela -non é a madrugada do venres de desenfreo- e paso por baixo de varios balcóns abarrotados de mozos que, pola xolda, dou por suposto que están de festa. O curso universitario non comezou máis que sobre o papel. Música coma unha bala e conversacións de viva voz dun balcón a outro. Un sofre certa sensación de converterse, na soidade da noite, en obxectivo de francotirador. E é verdade que belicismo hai. O Concello, co seu brazo armado da Policía Local, desatou unha loita sen cuartel contra os excesos da movida, máis que nunca trasladada aos pisos polo peche da hostalería nocturna. A trintena de festas desaloxadas na madrugada do venres, e despois diso outra media ducia na de onte, confirma que algo non funciona. E que dicir do famoso pub do Cantón de San Bieito? Non queren decatarse de que vai isto. 113 mortos, a día de onte, na área sanitaria de Santiago. Ou imos todos a un tempo, ou a guerra está perdida. Os dos balcóns, que intercambiaban experiencias das súas erasmus por media Europa, que tomen nota das prohibicións, focalizadas tamén nas movidas inconscientes, que están a ditar nesa mesma media Europa. E de que eles tamén están a ser afectados pola pandemia que non contribúen a conter, porque caian enfermos ou, simplemente, porque se vai ao garete o inicio do curso, desbaratando as ilusións e os plans de multitude de estudantes. A estas individualidades inconscientes: responsabilidade.