O PP volve gañar en Santiago nunhas autonómicas nas que o BNG dobrou en votos ao PSdeG

S. Lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Paco Rodríguez

Caballero non chegou nin á metade do respaldo que tivo Bugallo

13 jul 2020 . Actualizado ás 23:22 h.

As urnas decidiron onte un retorno a un Parlamento dominado polas tres forzas que tradicionalmente tiveron máis representación, coa volta mesmo ao sorpasso que en 1997 situou ao BNG como segunda forza no Hórreo en detrimento do PSdeG. E os composteláns contribuíron a fixar esa distribución de forzas dando o seu apoio maioritario á candidatura do PP, pero tamén apoiando en maior medida a opción nacionalista sobre a socialista. Este é o aspecto máis rechamante do desenlace da noite electoral en Santiago, porque o BNG consigue os seus mellores resultados na capital no que vai de século e dobra en sufraxios ao PSdeG nun contexto no que os socialistas lideran o Goberno central e pilotan a alcaldía.

Como é habitual nas convocatorias autonómicas, os populares foron os máis votados en Compostela, con 23.533 sufraxios, un rexistro na liña de comicios precedentes e que, por certo, garante un escano na nova Cámara galega ao presidente da xestora local do partido, Borja Verea, e á conselleira de Educación, Carmen Pomar, composteláns que acompañarán no Parlamento a Paula Prado e á conselleira de Medio Ambiente, e exalcaldesa de Melide , Ángeles Vázquez.

O triunfo do PP en Santiago responde á mesma dinámica que se dá no resto das principais cidades galegas, que apoian de forma moi ampla a Feijoo nas eleccións autonómicas con independencia de que os seus electores validen nas municipais por outras opcións. En Compostela ese respaldo ao candidato por amais da fidelidade ás siglas do partido volveu asomar onte con nitidez. A proba do algodón está na comparativa coa distribución dos votos nas municipais do ano pasado. Entón, 15.262 composteláns meteron nas urnas a papeleta que encabezaba Agustín Hernández. Catorce meses despois, o referendo á candidatura que dá a súa cuarta maioría absoluta a Feijoo supera aquela marca en máis de 8.000 votos.

Obviamente, é o PSOE o que sae penalizado de que maioritariamente o electorado de Santiago prime na súa decisión do voto ao candidato por diante das siglas. Fieis á tradición, o globo socialista colle aire nos comicios locais e tende a desinflarse nos galegos. Pero na convocatoria de onte a picada resultou elocuente. Os pouco máis de 7.100 apoios recibidos pola lista que permitirá á concelleira Noa Díaz ocupar un escano no Hórreo son moitos menos da metade que os 18.150 que impulsaron o regreso de Bugallo a Raxoi. E é precisamente esa conxuntura, marcada pola recuperación da alcaldía, a que fai máis sanguenta a perda de apoios en relación aos comicios galegos do 2016, nos que o PSdeG tivo os que ata onte eran os seus peores números deste século, con só 8.602 papeletas en Santiago para a candidatura que liderou entón Xaquín Fernández Leiceaga. En definitiva, máis de 11.000 composteláns que o ano pasado levantaron co seu voto a Bugallo para retornar á alcaldía optaron onte por elixir unha papeleta distinta á do PSOE ou por non votar.

E esa aposta polo candidato por amais das cores políticas tamén explica o histórico resultado que, como no conxunto de Galicia, protagonizou o Bloque. A candidatura encabezada por Ana Pontón conquistou 14.158 votos en Santiago, que, ademais, facilitan a Xosé Luis Rivas, Mini, revalidar o seu escano no Parlamento. Non só é, de longo, o teito do BNG nunhas eleccións autonómicas -nas de fai catro anos sumara 5.048 sufraxios-, senón que triplica os apoios que a formación nacionalista recibiu nas municipais de maio do 2019.

E a expansión do Bloque non se entende sen o desastre da candidatura que integraban Podemos, EU e Anova. Pouco máis de 2.400 composteláns optaron onte pola papeleta na que Martiño Noriega ocupaba o número tres, cando nas últimas municipais a lista de Compostela Aberta que lideraba pola reelección foran 10.651, e nas que no 2015 brindárono a alcaldía, 16.704. Por certo, Vox conquistou apenas 806 votos en Santiago, e Cidadáns, 345.