O mercado achega 63 propostas para innovar servizos na zona vella

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O Concello busca solucións reformadoras en limpeza, mobilidade e iluminación

08 jul 2020 . Actualizado ás 17:29 h.

Máis de medio centenar de empresas e entidades interesáronse pola iniciativa de Santiago para potenciar, co programa Smartiago, a mobilidade intelixente na zona vella e a súa contorna, reforzar a xestión sostible dos residuos sólidos urbanos nese mesmo ámbito urbano e substituír a iluminación dos edificios monumentais por outra máis sostible e respectuosa co patrimonio.

Esa foi a resposta do mercado á consulta preliminar que lle fixo recentemente o Concello para coñecer as novas tecnoloxías aplicables a eses tres campos e as posibilidades de achegarlle innovación pensada para as necesidades da cidade, a primeira do grupo español de urbes patrimonio da humanidade que impulsará a compra pública de innovación.

En materia de residuos, unha desas posibilidades será a de dispor de colectores que permitan saber que hai no interior dunha bolsa sen necesidade de tocala. Hai empresas que expuxeron a utilización de sensores que realicen varridos de ultrasonidos para a caracterización en tempo real do volume de residuos depositados por fracción. En materia de iluminación, hai propostas para inhibir o crecemento de microorganismos nas fachadas.

En total, para os tres campos de actuación, participaron 57 empresas, que achegaron 63 propostas. En función desas, o Concello ultimará os pregos para licitar os contratos que han de introducir esas melloras nos tres servizos. A final de ano, a Administración municipal terá licitado contratos por máis de 3,7 millóns de euros para pór en marcha eses programas, segundo o concelleiro Gumersindo Guinarte, quen onte participou nunha webinar sobre a tecnoloxía e a innovación como resposta aos retos dunha cidade patrimonio, organizada polo Concello e á que asistiron preto de cen presentas.