Kartal Ozmizrak, primeira fichaxe do Obradoiro 2020-2021

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

cedida

O base turco é internacional absoluto e xogará en Sar as dúas próximas tempadas

06 jul 2020 . Actualizado ás 18:58 h.

Coa renovación de Pepe Pozas comezaron os movementos no persoal do Obradoiro. Moi pendentes do que poida pasar con Kravic e Daum, dous xogadores que acadaron un gran nivel no seu primeiro curso na capital de Galicia, en pleno confinamento a dirección técnica do conxunto compostelán traballou sen descanso na confección do novo proxecto. Foron múltiples as xestións realizadas polo director xeral. José Luis Mateo, con moitos quilos de menos polo estrés e a intensidade das súas xestións durante as longas semanas de peche, xa non só no plano deportivo senón tamén no económico, atou a un dos xogadores máis carismáticos dos últimos anos no cadro de persoal obradoirista, a un dos alicerces nos últimos éxitos do conxunto galego. A continuidade do capitán Pozas foi a primeira pedra desta nova etapa.

Agora, o Obra declara de forma oficial a contratación de Kartal Ozmizrak, confirmando o que xa desde hai moitas semanas era un segredo a voces. O primeiro reforzo para o curso 2020-2021 xogará en Sar as dúas próximas tempadas. Ozmizrak é un base de 1,89 metros de estatura e 24 anos de idade, que procede do Darussafaka, conxunto co que acadou na liga turca unhas medias de 9,0 puntos (47,3 % en tiros de dous, 34,7 % en lanzamentos triplos e 78,6 % en tiros libres), ademais de 3,6 asistencias e 1,1 recuperacións, en 21 minutos e medio de xogo. Na Eurocup, o novo obradoirista asinou 6,8 puntos e 1,9 asistencias en 18 minutos.

Kartal Ozmizrak é internacional absoluto e tamén xogou nas categorías inferiores do seu país. Co combinado de menores de 20 anos, logrou a medalla de ouro no Campionato de Europa de Creta (2014) e a de bronce no de Lignano Sabbiadoro (2015). Foi, ademais, ouro no Europeo de Letonia (2013) co equipo sub 18. A de Sar será a súa primeira experiencia fóra do seu país, onde defendeu as camisetas do Darussafaka (do 2017 ao 2020), Istambul Buyuksehir Belediyesi (do 2015 ao 2017), Besiktas (na tempada 2015-2016 e desde o 2011 ao 2014) e do Eskisehir (na campaña 2014-2015). No seu palmarés figura o triplete (Liga , Copa e Eurochallenge) do 2012 co Besiktas.

O director xeral do club, José Luis Mateo, sinala que «con Kartal Ozmizrak incorporamos a un base que, a pesar da súa mocidade, xa ten unha gran experiencia, pois desde moi nova xa xogaba minutos importantes na elite. Á parte da ameaza ofensiva ou a lectura do pick and roll, o seu carácter sumará para o equipo». Insiste o dirixente obradoirista en que «será a súa primeira experiencia fóra do seu país, onde o baloncesto e a cultura son diferentes, polo que deberá facer un importante esforzo de adaptación».