Detida a muller que aproveitou o confinamento para estafar a polo menos oito taxistas en Santiago

Xurxo Melchor
Xurxo Melchor SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Os profesionais afectados eran tanto da capital compostelá como doutros municipios da Coruña e Pontevedra

28 may 2020 . Actualizado ás 14:00 h.

Tras oito denuncias presentadas, a Policía Nacional detivo á muller que aproveitou o confinamento decretado pola pandemia do coronavirus para levar a cabo numerosas estafas a taxistas aos que non só non pagaba a carreira acordada, senón que tampouco lles devolvía o diñeiro que lles pedía durante a viaxe coa escusa de necesitar cambio. A arrestada ten 38 anos de idade e é española.

O caso remóntase ao 24 de marzo, en pleno confinamento total, cando a comisaría compostelá recibiu a primeira denuncia dun taxista da cidade que relataba como na madrugada dese mesmo día recollera a unha clienta que durante o traxecto lle solicitou cambio de 50 euros que asegurou que lle devolvería xunto ao custo da carreira cando finalizase a viaxe. Polo camiño, solicitou unha parada intermedia e dixo ao condutor que volvía nun instante, pero escapouse.

Á investigación aberta pola Brigada Local de Policía Xudicial de Santiago pronto se sumaron outras sete denuncias de idénticas características, o que posibilitou que os axentes adscritos ao caso puidesen identificar á presunta estafadora, que non só enganou a taxistas da capital galega, senón tamén doutras localides das provincias da Coruña e Pontevedra, que tamén caeron na trampa froito das especiais circunstancias que rodearon a aqueles días de confinamento absoluto pola crise do coronavirus.

A Policía Nacional xa remitiu o caso ao xulgado e considera esclarecidas oito estafas, aínda que non descarta que existan máis afectados que non teñan denunciado aínda. O caso estaba a provocar unha gran sensación de inseguridade entre o colectivo do taxi.

Todo apunta a que a muller, con problemas de adicción ás drogas, ideou este sistema para poder desprazarse a comprar a súa dose de droga sen ser detida pola policía e multada por saltarse o confinamento. Ademais, co diñeiro para o cambio que lle prestaban os taxistas abonaba o custo das doses.