Con ritmo e unha boa mensaxe

Joel Gómez SEN INTENCIÓN

SANTIAGO

13 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao Burgo das Nacións ía a mocidade de Vite na década de 1990 a sesións de discolight, que promocionaban o lecer saudable. Antes, en maio de 1972, José Afonso estreou alí o seu emblemático Grândola, Vila Morena, un dos motivos polos que un parque das proximidades leva o seu nome. A Associaçom José Afonso lembrou o acontecemento o domingo desde YouTube. O ritmo e a boa mensaxe caracterizaron ambos os acontecementos. Evidencian como a música pode ser sempre unha axuda. Nestes duros tempos da pandemia do covid-19 contribúe a lidar con novidades terribles de cada día.

Música e mensaxe destacan tamén na amnesia de Clío, unha ópera do compositor compostelán Fernando Buíde con libreto de Fernando Epelde, que a Televisión de Galicia programa esta fin de semana para as conmemoracións das Letras Galegas. Aplaudida na súa estrea no Auditorio de Galicia, Antón de Santiago cualificouna de «sobresaliente» en La Voz de Galicia, entre outras críticas relevantes. Destácanse os elementos que achega para reflexionar sobre a historia, a política e a cultura. Mañá ás sete da tarde, no Instagram de Voadora, a compaña que a promove, poderase dialogar con Buide e coa directora escénica, Marta Pazos.

José López Calo comentaba a relevancia da ópera en Galicia a finais do século XVIII e no XIX. Recuperala pode ser un inicio para construír algo grande, que falta fai para esquecer os estragos do estado de alarma. Desta páxina que tanto tarda xa en pasarse. E aínda queda.