Outra proposta

Joel Gómez SEN INTENCIÓN

SANTIAGO

08 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Aprazar o Día das Letras Galegas evitará que a tan rosaliana data do 17 de maio non se aproveite como merece para recoñecer o inmenso labor de Ricardo Carvalho Calero pola autora de Cantares galegos. Este libro, que está na orixe da celebración, foi por el cualificado como «epopea popular», que ten como protagonista ao pobo galego, segundo rubricou nestas páxinas. Esa poesía non a escribiu para os galegos, senón para os non galegos; pero aínda así deu e dá vida ao idioma, agregaba. Carvalho contribuíu decisivamente para situar a Rosalía na posición central que indiscutiblemente ocupa no canon literario galego: fíxoo no Historia da Literatura Galega Contemporáneaseu ; nos moitos traballos que lle dedicou, varios anos, neste xornal; en libros e estudos; en traballos de investigación que alentou; nas súas clases, conferencias e outras intervencións. Construíu unha Rosalía total, que mantén xusto valor e esplendor.

Aínda que, ben pensado, calquera día do ano é bo para a homenaxe a Carvalho. Porque outra das súas decisivas contribucións foi engrandecer as Letras Galegas, recuperando a súa xenuína historia e tradición e traballando para facelas máis rendibles. Evidenciou como restaurar o uso da j e da ç, como tamén nh, lh, e outras posibilidades, que agardan polo recoñecemento oficial dos seus ensinos. En maio de 1987, nun artigo en La Voz de Galicia, propuña que o idioma galego «conquiste todas as capas da sociedade». El mostrou ben como facelo.

A súa proposta lingüística é tan acertada como o seu defensa de Rosalía. E, ademais, debedora e consecuencia de Rosalía.