A USC crea un banco infantil de recursos lúdicos

E. forján NEGREIRA / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Estudantes de Negreira materializan unha idea compartida coa Recreativa dos Tilos e veciños de Laraño

30 abr 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

A creación dun banco de recursos educativos e lúdicos en vídeo para as familias para nenos de entre 3 e 6 anos está a ter unha gran acollida para facer máis divertido o confinamento. Trátase de #NósXogamosNaCasa , unha iniciativa ideada polos 42 alumnos do terceiro curso de Educación Infantil da USC coa especial implicación do profesor Javier Rico, quen, din, «comprendeu a nosa situación como estudantes, e grazas a el puidemos levar a cabo esta iniciativa creativa con especial fincapé sobre a expresión corporal».

A canle, que está en YouTube, fórmano uns corenta vídeos en diferentes listas de reprodución sobre temáticas como baile, pintura, fogar, coordinación, relaxación, dramatización ou ritmo. Un proxecto que, como afirma Michele Moreau, unha das tres alumnas de Negreira, xunto a Iria López e Noelia Pichel, xurdiu para «cumprir o compromiso que tiñamos previo ao confinamento coa Asociación ARC Os Tilos e co Centro Cívico de Laraño», para desenvolver unha aprendizaxe para a materia de Didáctica dá Expresión e Comunicación Corporal. Iria López relata que empezaron a adaptar tres actividades por grupo para realizalas en casa no canto de en os centros das entidades colaboradoras. Crearon unhas táboas coas súas características e foi cando comezou a elaboración dos vídeos gravados polo propio alumnado. «Para subir os vídeos tivemos certos obstáculos polo copyright, co que algúns os modificamos por outros do banco de recursos da canle, e outras foron cedidas por formacións musicais como a orquestra Panorama, o grupo Bomba ou Ariel de Cuba, entre outros aos que lle agradecemos a súa colaboración». Outros, como o actor David Amor, a cantante Lucia Pérez ou a actriz María Castro, sumáronse para promocionar en vídeos a iniciativa.