Manuel Millán: «Sentímonos ben nas segundas xogadas»

SANTIAGO

MARCOS CREO

O técnico tomou a vez de Susú Cores no banco do Boimorto

19 feb 2020 . Actualizado ás 10:31 h.

Manuel Millán (Ribeira, 1990) tomou a testemuña de Susú Cores á fronte do Boimorto. Faino co obxectivo de continuar o seu legado e lograr a meta marcada, manterse en Preferente. Este domingo sumou a súa primeira vitoria comandando o equipo, o que lle permite tomar aire de cara a unha recta final de tempada que se antolla a cara de can.

-Os tres puntos contra o Ribadeo facían falta. Eles chegaban nun gran estado de forma.

-Iamos 2-0 e complicóullenos o partido en dúas xogadas illadas. Levabamos unha dinámica mala e había que romper ese refacho. Gañamos 3-2. En casa somos un equipo moi complicado, os rapaces dano todo, transfórmanse. Gañarnos non é nada doado.

-Tócalle facer esquecer a Susú.

-Ela é unha pioneira, presentóuselle unha oportunidade moi boa e decidiu collela. Chegoulle froito do seu traballo e merécello. A verdade é que no vestiario tiña o respecto e confianza de todos, e tamén da directiva. Con ela podíase traballar perfectamente. Ás veces podes equivocarche, pásanos a todos, pero o importante é estar xuntos.

-Estaba no corpo técnico de Susú e agora tócalle tomar as decisións. Que tal o leva?

-Durante a semana mellor, pero nos partidos sófrese. Toca decidir, pór a un ou a outro. Iso é o que máis costa.

-Xogou moitos anos nesta categoría. Ve igual o rol de adestrador que cando era futbolista?

-A verdade é que cando estás no campo non lle dás tanta importancia. Eu non lle facía tanto caso [ri]. Agora intento que teñan liberdade, que resolvan as situacións por eles mesmos. Os futbolistas son os que gañan os partidos. Durante a semana traballamos conceptos xerais, que todos teñan unha idea común, pero á hora de moverse, de encarar ou de finalizar deben tomar as súas decisións. No fútbol uno máis un non son dous.

-Segue contando con Alba Meilán no corpo técnico.

-É a encargada de levar a preparación física. Pero en realidade este é un traballo conxunto, conto con ela para todo. Cada semana planificamos o traballo entre os dous. Non imos ter segundo adestrador, polo que nos apoiaremos o un no outro para tomar as decisións. Estamos a manter as mesmas dinámicas que tiñamos con Susú. Obviamente cada un ten os seus matices, pero as liñas xerais van ser as mesmas.

-Comentáronme que son un equipo duro, de segundas xogadas, de moita disputa.

-Somos un equipo intenso, que nos sentimos ben nas segundas xogadas, pero iso non quita que nos guste combinar cando temos espazos.

-Como ve o nivel da liga?

-A verdade é que na cabeza da clasificación é moi alto. Están Viveiro, Noia, Mugardos, Fisterra, Boiro... Teñen xogadores de categorías superiores e este ano o ascenso estará moi apertado. Na zona baixa está complicado. Vexo un bo nivel, como todos os anos. É unha categoría que me gusta. Creo que se xoga máis que en Terceira, onde predomina máis o físico.

-E a permanencia na categoría, como a ve?

-É o noso obxectivo e debemos intentar gañar todos os partidos que quedan en casa e tratar de sumar o máximo número de puntos fóra. Con 45 puntos creo que podemos salvarnos, pero nunca se sabe. Dependes de arrástrelos de Terceira. Todo cambia dunha xornada a outra.

-Dubidou en coller o equipo?

-Ao principio chócache cando cho comunican. Pero é unha oportunidade que non podes rexeitar.