Jorge González Cuenca, director xeral do Grupo Isonor: «Saímos da crise, pero agora existe demasiada incerteza»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

A consultora, con sede en Santiago, facturará este ano seis millóns de euros

19 feb 2020 . Actualizado ás 23:43 h.

É o fundador dunha empresa que naceu en Vilagarcía de Arousa en 1997, a súa localidade de orixe, e que hoxe ten a súa sede en Compostela. Por aquel entón Jorge González Cuenca quedou sen traballo, unha vez finalizado o seu contrato nunha firma de consultoría de Vigo, e decidiu que era o momento de emprender nese mesmo sector, no que viu que se abría un enorme abano de oportunidades. O seu proxecto empresarial, máis que consolidado, está a piques de cumprir os 25 anos. Un tempo no que pasaron demasiadas cousas: un vertixinoso cambio tecnolóxico e unha crise económica tremenda, cuxa intensidade ninguén puido presaxiar.

O Grupo Isonor ten hoxe sete oficinas en Galicia, con sede nas sete cidades, e oito fóra, situadas en Madrid, Valencia, Alacante, Murcia, Selecta, Sevilla, Osuna e As Palmas.

«Sempre quixen emprender; empecei primeiro coas certificacións de normas ISO, en temas de calidade, e de aí o noso nome de Grupo Isonor, e logo fun ampliando produtos e diversificando a área de negocio», explica este empresario afincado en Compostela. A compaña ten un persoal de 120 traballadores, con perfís moi diferentes, e unha cifra de negocio que xa superou os catro millóns de euros. Unha cantidade que este ano agardan subir ata os seis millóns.

O Grupo Isonor é hoxe unha empresa especializada no cumprimento normativo: as novas obrigacións da Administración en prevención de riscos laborais, xestión medio ambiental, seguridade alimentaria, tecnoloxía, protección de datos e branqueo de capitais. «Abarcamos un portfolio moi amplo, e os nosos perfís laborais son moi diversos: temos químicos, biólogos, enxeñeiros, aparelladores e avogados», explica González Conca. Como emprendedor que logrou consolidar o seu proxecto, este empresario considera necesario reducir a burocracia, que cualifica de «excesiva», pola cantidade de xestións que teñen que facerse con diferentes departamentos. «Nós estamos a axudar ás empresas e asesorándoas en todo isto, para que o cliente nos vexa como unha axuda», explica.

Cando Jorge González empezaba coa súa consultora aínda non chegara a revolución tecnolóxica e a febre de Internet. Eran outros tempos. A xente empezaba a ter os primeiros teléfonos móbiles e a abrirse as súas primeiras contas de correo electrónico. Hoxe todo cambiou.

«A dixitalización, que hoxe é unha palabra moi en boga, é sin duda o que marca o éxito das empresas: nestes momentos, con maior ou menor intensidade, dependendo da área de actividade, a dixitalización é inevitable en calquera negocio e é un paso obrigatorio porque aforra custos e mellora a competitividade do teu negocio; e faino en todos os aspectos, no ámbito administrativo, técnico e comercial. O que non entenda isto vai apañado», explica este empresario.

Nun tecido empresarial dominado polas micropymes, que operan en mercados fundamentalmente locais, este cambio está a empezar a producirse, tal e como explica Jorge González, porque os empresarios ven que «aforran custos e melloran os servizos». No tempo que leva como empresario, este consultor viviu as poutadas máis duras da crise,. Aínda lembra cando tivo que desprenderse de traballadores e vía como lle devolvían os recibos, sobre todo os de menor contía, o que disparou a morosidade. Por iso avoga por unha maior flexibilidade laboral, para que as empresas, que son creadoras de emprego, non desaparezan en tempos convulsos. O futuro non o ve tan claro.

«Saímos da crise, pero existe demasiada incerteza», avisa.