Sumou 40 dos 48 puntos que disputou nas últimas 16 xornadas
18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.Compos e Ourense CF seguen sen levantar o pé do acelerador. Despois de disputadas as primeiras 24 xornadas de competición no grupo primeiro de Terceira División, case dúas terceiras partes da liga regular, a distancia entre o líder e o segundo clasificado é só de dous puntos. Máis nada que perderon dous encontros no que vai de campionato.
En Abegondo, a pesar dos intentos do árbitro e a disputar máis de vinte minutos en inferioridade numérica, o Compos conseguiu saír vivo e puido salvar un punto grazas aos goles de Bicho, o primeiro como compostelanista na súa segunda etapa en San Lázaro, e Primo, que vai camiño de converterse un ano máis no pichichi branquiazul.
O Compos leva xa catro meses sen perder. A súa última derrota foi no Couto ante o UD Ourense (1-0), en outubro. Desde entón, o colectivo de Yago Iglesias asinou uns rexistros espectaculares. Gañou doce encontros e empatou catro, con 31 goles a favor e 7 en contra. Sumou 40 dos 48 puntos posibles. En casa superou aos oito rivais que tivo en fronte. Sete deles non puideron nin sequera marcar na capital galega. Só o Estradense puido ver porta nestes últimos catro meses na capital galega. A domicilio, catro vitorias e catro empates (As Pontes, Paiosaco, Ourense CF e Fabril).