Orzamentos: O PSOE só falará co PP se non hai pacto con CA

r.m. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

xoan a. adoitar

O alcalde mantén finais de febreiro como tope para levalos ao pleno

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O goberno municipal centrou os seus esforzos por sacar adiante os orzamentos deste ano nas conversacións con Compostela Aberta (CA). O alcalde non considera «serio» manter negociacións en paralelo coas dúas formacións das que depende que as contas poidan prosperar, tendo en conta que precisa o apoio expreso ou a abstención de polo menos una delas. E agora mesmo esa vía está aberta co grupo de Martiño Noriega, co que os socialistas aspiran a pechar un acordo, aínda que iso non impedirá que se poidan incorporar achegas do PP e do BNG. De feito, algunhas das peticións dos tres grupos son coincidentes coas do goberno. E con CA, «moitas son coincidentes», expuxo onte o rexedor, aínda que non ocultou que «hai diferenzas nalgunhas sobre como se deben executar».

Bugallo non renuncia a pechar un pacto con CA (cinco concelleiros), pero mantense en que o seu prazo para tramitar o orzamento non se irá máis aló de febreiro. O límite está no pleno ordinario dese mes (o día 27), o que significa que calquera acordo ten que pecharse este mes ou a principios do próximo, como máximo. Despois haberá que levar ao papel os acordos e pedir os informes correspondentes, que requiren o seu tempo. Os socialistas danse esta semana para intentar un pacto. «Imos agotar ata fin de mes o prazo para ver se temos posibilidades de pechar un acordo con algún grupo», dixo en relación a Compostela Aberta. O vindeiro luns «valoraremos se somos capaces de pechar un acordo con CA ou non».

De non ser así «teriamos que valorar co PP» para tomar a decisión antes de mediados de mes. Pero nese caso o alcalde activaría xa en paralelo o procedemento de vincular a súa aprobación a unha cuestión de confianza: trátase de non alongar a aprobación máis aló de febreiro, o que non sería posible, veu insinuar con ese apuntamento, se non se solapa unha hipotética negociación co PP coa apertura da vía que permite a lei no caso de non dispor do respaldo suficiente.

Bugallo defende que as contas municipais deben aprobarse como moi tarde en febreiro porque hai investimentos, como a remodelación de Concheiros e a reparación de muros, que non poden agardar máis. O PP constatou onte que o contacto con eles non avanza e afirma que dentro do goberno hai quen ten unha «conexión intensa con Compostela Aberta».