Máis de cen especialistas apoiaron a Feira dás Profesións do IES Rosalía

j. gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Alumnado de cuarto de ESO e de bacharelato coñeceron posibles saídas laborais

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai estudantes de secundaria e bacharelato cunha vocación moi clara e unha orientación moi decidida e encamiñada á profesión que desexan para o seu futuro. Pero outra parte dese alumnado está indeciso e ten serias dúbidas para elixir. Para todos se celebrou a quinta edición da Feira das Profesións do IES Rosalía de Castro, organizada pola Asociación de Nais e Pais (ANPA) e con colaboración do centro. «Participei tres veces e tiven que responder moitas preguntas sobre o mir, as gardas, a carga de traballo e outras cuestións da actividade profesional. E vin como tiñan o maior interese sobre a xenética forense ou a criminoloxía, moitas veces pola influencia de seres televisivas», explica Sonia Veiras, anestesista do Hospital Clínico e agora presidenta da ANPA.

Ás 17.15 soou o timbre e convocou a esta actividade a 320 estudantes de bacharelato e a cuarto da ESO. Acudiron máis de cen especialistas, que lles explicaron peculiaridades das súas respectivas profesións e responderon a preguntas relacionadas con elas. «Os de segundo de bacharelato teñen máis interese, porque se van ter que enfrontar a escoller unha opción profesional ao finalizar o curso», indica Xavier Mouriño, director do instituto.

Habilitáronse dez aulas, nas que se repartían o alumnado, que rotaba segundo os seus intereses, e o colectivo de profesionais que colaboraban, que daban explicacións e respostas.

Desde as 17.30 ata as 19.00 horas a feira transcorreu moi dinámica. En dúas aulas distribuíanse especialistas de enxeñería, arquitectura e estudos técnicos; noutras cinco, de ciencias da saúde; noutra, máis ciencias; dúas aulas máis se dedicaban a ciencias sociais, servizos e educación; outras dúas, a ciencias xurídicas e seguridade; e a última a humanidades.

Pais e nais do alumnado facían de relatores, xunto con especialistas alleos ao centro, con quen contactaron para a ocasión; mesmo antigo alumnado, que agora segue estudos superiores e acudiu a comunicar a súa experiencia. «Foi un traballo moi intenso de organización», admitía Sonia Veiras.