O de Santiago segue ao ralentí

Serafín Lorenzo A pé de obra

SANTIAGO

25 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ben sabido é que as cousas de palacio nunca se caracterizaron pola súa celeridade. E as que dependen de Moncloa provocan demoras exasperantes. Galicia en xeral, e particularmente Santiago, acumulan multitude de exemplos. No máis alto plano protocolario aí está o caso da reunión do Real Padroado, un conclave que se presupón determinante de cara aos fastos xacobeos e que non se reúne desde, atención, decembro do 2003. Pero hai máis. Os agravios en infraestruturas encabézaos esa conexión orbital da que, máis aló da sucesión de compromisos, esta cidade só ten a certeza do seu perfil menguante. Resulta que o acceso dos polígonos do norte coa AP-9 e a autovía de Lugo que ía custar 45,6 millóns pasou a figurar despois cun investimento estimado de 31 e parece que finalmente poderá executarse por 25. Veremos. Despois está a intermodal vinculada aos 3,5 millóns de viaxeiros, un debate tan absurdo como a propia premisa que serviu para enredar e que lle custará á cidade non ter no 2021 a estación de tren que merece. En todo caso, incluso o proxecto mellorado será do século pasado. Curiosa intermodalidade esta que prescinde de levar o tren do centro da cidade con máis tirón turístico do país ao seu principal aeroporto. Porque esa viaxe seguirá dependendo dun transporte público moi mellorable nas súas frecuencias. E aí seguen en lista de espera o asfaltado integral do periférico, as obras de remate da rotonda de Conxo, a depuradora... Vivamos como galegos. Claro que si. Pero sen renunciar a tratar de vivir un pouco mellor.