A papelería Cantigas bota o peche tras 36 anos

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

A xubilación dos seus propietarios pon fin a un dos comercios máis clásicos do Ensanche

23 ene 2020 . Actualizado ás 09:33 h.

O comercio compostelán arrincou un pouco máis triste esta semana. Cantigas, a papelería de referencia para moitos dos veciños de Santiago, bota o peche tras 36 anos aberta na rúa Montero Ríos. Foi alá polos oitenta cando comezou a súa andaina uno dos establecementos máis emblemáticos do Ensanche. Aínda que era unha noticia a voces xa desde principios do mes de xaneiro, cando os propietarios comunicaron a súa decisión de xubilarse e pechar o negocio, non foi ata esta semana cando colgaron o cartel de liquidación. Cantigas pecha o mes de febreiro e durante os próximos días todos os seus produtos ofrecen importantes descontos, de momento dun 30 %.

Cantigas non é unha papelería ao uso, senón que as súas amplas instalacións albergan innumerables obxectos de agasallo, xoguetes e artigos de decoración. Mención á parte son os seus globos terráqueos: para nenos, para adultos, didácticos ou de decoración. Tamén o material de oficina, plumas, estilográficas, maletíns; así como maletas para nenos, bonecas, carriños, mochilas, archivadores, cartafoles e todo o necesario para o día a día dos escolares. O establecemento iniciou a liquidación este martes e pechará o 29 de febreiro.

Os responsables do establecemento anunciaron o peche nas súas redes sociais e desde entón moitos mostran xa a súa tristeza porque se perda «a tenda máis bonita de Santiago». Non é a única, a sangría no peche de comercios tradicionais no Ensanche compostelán está a converterse nun goteo constante, con rúas como Alfredo Brañas infestada de establecementos pechados. Os amantes da clásica papelería aínda teñen máis dun mes para mergullar entre os tesouros deste local.