Marzo será de cine en Compostela

La Voz

SANTIAGO

CEDIDA

O Mufest, para visibilizar os filmes feitos por mulleres, regresa despois de oito anos e celebrarase a MICE

19 ene 2020 . Actualizado ás 04:55 h.

Non só o outono é de cine en Santiago coa celebración de Curtocircuíto, Amal e Cineuropa. Marzo tamén o será neste 2020. Á nova edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), organizada polo Museo do Pobo Galego, uniráselle o Mufest, o Festival de Cine Feito por Mulleres, que regresa despois de oito anos de ausencia.

O Mufest, precisamente, será o primeiro que se celebre. Terá lugar do 10 ao 14 de marzo con actividades tanto no Teatro Principal como o Museo das Peregrinacións. A iniciativa impulsada desde a asociación Andaina ten por obxectivo promocionar e visibilizar os filmes dirixidos, escritos ou producidos por mulleres. Nesta cuarta edición da cita -as anteriores leváronse a cabo no 2009, 2011 e 2012- inscribíronse 700 filmes chegados non só de Galicia e España, senón doutros países como Portugal, Francia, Italia, Inglaterra, Grecia, Croacia, Rusia, Marrocos, Irán, Turquía, Estados Unidos, Arxentina e Brasil, entre outros.

O certame repartirá un total de 1.800 euros en premios. Haberá recoñecementos á mellor película (750 euros), mellor documental (750 euros) e curtametraxe (300 euros). Ademais, distinguirase o mellor filme galego e haberá un premio especial dos espectadores. A artesá Elena Ferro deseñou as figuras. O Mufest incluirá dentro da súa programación tamén o curso titulado «Levando a contraria: iniciación lúdica para a realización de curtas de contrapublicade feminista», que será impartido por Renata Otero.

Incremento de premios

Pola súa banda, o Museo do Pobo Galego incrementa os premios para a décimo quinta edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que por segundo ano consecutivo celebrarase en marzo, neste caso do 23 ao 29. O filme gañador absoluto levará 1.000 euros, cen máis que o ano pasado, e ademais haberá o Premio Agantro á excelencia antropolóxica outorgado pola Asociación Galego de Antropoloxía, que estará dotado con 500 euros, así como un diploma e trofeo, en ambos os casos. Mantense a contía para o mellor traballo galego en 700 euros. Ademais, o público outorgará un galardón consistente nun diploma acreditativo. No caso da MICE, a inscrición para participar pechouse o pasado día 8 de xaneiro.