O temporal azoutou de cheo a Santiago e a súa área

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A capital foi o concello máis afectado en Galicia, con 22 saídas por inundacións e árbores caídas

17 ene 2020 . Actualizado ás 23:24 h.

O temporal de choiva e vento que azoutou onte a toda Galicia afectou de forma máis grave á provincia da Coruña e moi especialmente a Santiago, que foi xunto ao de Ribeira o concello cun maior número de incidencias atendidas polos servizos de urxencia, ambos con 22.

Na cidade, os Bombeiros reforzaron as súas quendas porque xa desde a mañá tiveron que multiplicarse para desprazarse a distintos puntos. Entre os máis afectados estivo San Lourenzo, onde a rede de recollida de pluviais viuse desbordada e houbo que levantar as tapas e cortar a estrada pola gran cantidade de auga acumulada. En Poza de Bar, os veciños alertaron de inundacións nalgúns garaxes e baixos comerciais e a auga converteu nun río á rúa Pelamios. En Salgueiriños de Abaixo, os propietarios dunha casa sufriron a inundación do baixo da vivenda ao recibir todo a auga que caía en fervenza desde a zona de Mallou. O local da Seguridade Social, en Galeras, tamén necesitou a presenza dos bombeiros para evacuar a auga que entrou no interior. Tampouco o aparcadoiro de San Clemente librouse da inundación, e as bolsas de auga dificultaron a circulación na rúa Mestre Mateo e na avenida de Lugo, onde as arquetas tamén se chegaron a desbordar.

En Fonte de Santo Antonio foi necesario retirar tézalas que estaban soltas nun edificio e caían sobre a calzada e en Orfas a claraboya dunha casa saíu voando e caeu á rúa. No lugar de Viso, os veciños volveron quedar incomunicados porque a única vía de acceso á aldea, situada xunto á Cidade da Cultura, converteuse nunha gran fervenza.

Pola tarde, os Bombeiros tiveron que desprazarse ata o polígono de Costa Vella, xa que o acceso desde a SC-20 estaba completamente alagado. Foi necesario achicar a auga acumulada cunha bomba.

Tamén houbo numerosas incidencias por caída de ramas, como ocorreu en Padrón, onde o vento derrubou unha gran árbore sobre o atrio da igrexa de Iria, aínda que non provocou danos no inmoble. Tamén tirou parte do muro do campo de fútbol de Pazos, aínda que este xa tiña unha parte caída. O GES tamén cortou o acceso ao núcleo de Codesido, en Rois, tras a crecida do Sar, que tamén alagou Lamego.

O regueiro de garaxes e baixos comerciais alagados que sufriu Santiago tamén se viu noutras localidades, como Brión e Negreira, e en Ames a crecida do Tambre alagou o paseo fluvial e provocou, de novo, a entrada de auga nas aulas da escola infantil do Milladoiro. O ANPA do centro reclama unha reforma integral da cuberta para a que asegura que a Xunta lle di non ter fondos.