Solicitan a declaración BIC para o Castro Lupario e a súa contorna

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Os veciños de Angueira de Castro, en Rois, asinan a petición

14 ene 2020 . Actualizado ás 11:37 h.

Os veciños de Angueira de Castro, no municipio de Rois, acaban de presentar unha solicitude na Xunta para que o Goberno galego conceda a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) ao Castro Lupario e ao conxunto patrimonial da súa contorna, formado pola propia aldea, o Pazo do Faramello, os núcleos do Faramello e Francos, a carballeira de Francos, a ponte sobre o río Tinto e os petróglifos existentes na zona.

Trataríase, segundo explican os promotores, dunha declaración BIC «inédita», ao tratarse de todo un conxunto monumental no que hai arquitectura arqueolóxica (castro); histórica (pazo); popular (aldeas), relixiosa (cruceiros) e mesmo vinculada ao Camiño de Santiago, en concreto ao trazado portugués que pasa pola zona.

Os veciños desta aldea de Rois crearon unha comisión para traballar por iso e, sobre todo, para evitar que unha liña de alta tensión, de 220 quilowatts e con torretas de 60 metros de altura, deteriore este conxunto histórico, cultural e xacobeo. Así, queren pór en valor o Castro Lupario e a súa contorna e, para iso, creen que é necesario que teñan a declaración BIC.

Nesta reivindicación e no cambio de trazado da liña de alta tensión para que non afecte o conxunto patrimonial, os veciños de Angueira de Castro teñen o respaldo da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago. A solicitude está apoiada, ademais, por un completo informe no que se pon de manifesto a importancia do Castro Lupario na tradición xacobea, así como da arquitectura popular da súa contorna e do dano que faría o trazado da liña de alta tensión tal e como está proxectado nesta zona.

En contra de que un tramo dunha liña de alta tensión deteriore o conxunto cultural

Os veciños de Angueira de Castro presentaron unha alegación contra o proxecto de instalación da liña de alta tensión. Foi, precisamente, por mor de decatarse desta actuación cando souberon, para a súa sorpresa, que o Castro Lupario non estaba declarado Ben de Interese Cultural, a pesar de que lles consta que anos atrás houbo unha iniciativa para iso. Ademais de presentar a solicitude BIC, os afectados teñen pedido un informe coa delimitación da zona de protección do castro.

Así mesmo, queren reunirse cos conselleiros de Cultura e Industria para trasladarlles a súa oposición ao tramo da liña tal e como está exposto na zona do Castro Lupario e a súa contorna, ao considerar que deterioraría de xeito irreversible unha zona patrimonial única, susceptible de pór en valor como un núcleo de lecer e cultura no Camiño Portugués. Neste sentido, os veciños achacan unha «contradición» á Xunta, que promociona o Xacobeo 2021 como un fito irrepetible á vez que podería permitir que actuacións como a liña de alta tensión «destrúan un dos puntos máis importantes do Camiño Portugués». Por iso, queren chegar a unha solución polo ben do patrimonio histórico da zona e a súa conservación e, para reivindicalo, preparan actividades culturais.