O Compos encara o exame da orde defensiva do Arenteiro

M. GARCÍA SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O equipo de Gelucho só perdeu en Bouzas e Vilalba

12 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Compos pecha a primeira volta esta tarde en San Lázaro, ás 17 horas, fronte a un Arenteiro que chega en liña ascendente. O equipo de Gelucho tardou en arrincar. Nas primeiras seis xornadas sumou cinco empates e unha derrota. Pero pechou o ano cun meritorio empate no Couto ante o Ourense CF e empezou o 2020 no seu feudo goleando ao Alondras, 3-0.

Avecíñase un duelo de estrategos entre dous equipos que teñen moi claro a que xogan. O Compos, na liña de toda a tempada, é un colectivo que trata de despregarse en campo rival, dos que busca a portería. En fronte terá un rival moi sólido, que concede moi pouco e que estará atento a tratar de coller as costas da retagarda azul e branca explotando a velocidade das súas puntas, ao contragolpe ou con transicións rápidas.

Sen un ariete

A baixa de Primo, unida á marcha de Rodri Alonso, propiciará moi probablemente que Brais Abelenda volva situarse en punta como ariete ou como falso nove, con moita mobilidade para tratar de xerar espazos aos compañeiros que chegan desde a segunda liña.

Os vinte xogadores que tiña ás súas ordes Yago Iglesias hai apenas un mes quedaron en dezaoito tras a cesión de Alberto Freire ao Noia e a marcha de Rodri Alonso ao Ourense Cf.

Para esta xornada o técnico non poderá contar con Primo, que segue de baixa. En consecuencia, dispón de dezasete futbolistas para encarar a contenda, polo que deberá realizar un descarte. Un dos candidatos é Josiño, que non puido xogar fai sete días no Couto. Acabou a semana traballando co grupo, pero o criterio é non asumir riscos. En calquera caso, haberá que agardar a esta tarde para coñecer o once inicial e o descarte.