Siyi Xu e Sixing Xu propoñen unha moda que combine a arte e o diálogo de oriente e occidente

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Xemelgas, nacidas en China , formadas na Escola Mestre Mateo, gañaron o desfile Despunte 2019

08 dic 2019 . Actualizado ás 09:01 h.

Siyi Xu e Sixing Xu, graduadas en Deseño de Moda na Escola Mestre Mateo, seduciron ao xurado do desfile Despunte 2019, con dúas coleccións nas que combinan a arte e o diálogo entre as culturas oriental e occidental, explican. Siyi inspirouse en pintores impresionistas, e Sixing reinterpretó cadros de J. M. W. Turner. Siyi gañou o premio principal do certame, á mellor colección; e Sixing pola mellor integración da artesanía nas súas producións.

Son irmás xemelgas, nacidas en China , onde viviron ata os 13 anos. Estudaron o bacharelato artístico no IES Xunqueira 1 de Pontevedra. Alí aconselláronlles a titulación de de Deseño Moda e fai un lustro viñeron residir a Santiago para cursala en Mestre Mateo. Coinciden en que foi un acerto, e destacan as oportunidades que lles ofreceron neste centro compostelán e a orientación que lles deron: «aprendemos moito de tecidos, de tecnoloxía, de manexar programas de artesanía e do mundo da moda; foron catro anos de clases e outro para o proxecto que valeron moito a pena», di Siyi.

Ela venceu en Despunte 2019 coa colección L'impressionnisme: «ese é o meu estilo de arte favorita e axudoume moito a titora para concretar a idea e desenvolvela. Decidín mostrar o mesmo paisaxe en distintos momentos do día, como unha transición: amencer, a mañá, a tarde, atardecer e a noite; cinco estilos que representan un día enteiro e mostran o paso do tempo. Mesturei moitos materiais para crear efectos de pintura. Utilicei un patronaje sinxelo, onde o importante son os detalles. O resultado son pezas únicas, que non se poden repetir; é como un cadro a man que, unha vez acabado, non se pode facer o mesmo outra vez», resalta Siyi.

Esas pezas «son doados de vestir, dunha peza única, ou dúas pezas. O máis difícil é que a maioría están cosidas a man, por iso levou bastante tempo completar a colección. Ao traballar, foi como estar a pintar sobre un tecido», agrega Siyi.

A súa irmá Sixing indica que, para a súa colección Tempest «inspireime no ciclo de vida dunha tormenta, os cinco estilos representan a fase de transición desde a serenidade previa ata o repouso e calma posteriores á súa presenza. Cada estilo reflicte unha fase», manifesta. Ofrece «deseños modernos de patronaje sinxelo; son saias, camisas, pantalóns; pezas anchas e frouxas, moi cómodas; e incorporei técnicas artesanais, como fieltrado de la con agullas sobre tecido; tinguín a tea a man para conseguir degradado; apliquei materiais como o fío de alpaca e seda para representar un efecto de difuminación; e ademais moitos bordados, estilos xeométricos e outros máis tradicionais. Son pezas inspiradas a partir dos cadros de Turner, cun toque oriental», sostén.

Agora, Siyi Xu e Sixing Xu proponse atopar traballo no sector da moda en Galicia, e ampliar a súa formación sobre o deseño escénico, en especial a relación de teatro e moda, din.