Jorge Puig arroiou na última proba do CorreSan

SANTIAGO

Mónica Álvarez gañou no Barrio de San Pedro e Esther Pedrosa asegurouse o título do circuíto

07 dic 2019 . Actualizado ás 20:56 h.

Jorge Puig voou na última das catro carreiras do CorreSan, disputada polas rúas do Barrio de San Pedro. Necesitaba quedar por diante de Amador Pena para proclamarse campión do circuíto e logrouno coa solución máis sinxela: foi o primeiro en cruzar a liña de meta. Marcou un gran tempo, 15 minutos e 11 segundos, e avantaxou en 25 segundos a Pablo Monteagudo e en 45 a Amador Pena. Foron os tres atletas que se subiron ao podio e tamén os tres únicos que baixaron dos 16 minutos.

No cadro feminino a primeira en cruzar a liña de meta foi Mónica Álvarez, no posto 61 da xeral. Esta vez gañoulle a pugna a Esther Pedrosa, que vencera nas dúas primeiras citas do CorreSan e que foi segunda no Barrio de San Pedro, no posto 77. Con este resultado asegurouse o triunfo na clasificación xeral. O terceiro posto foi para Mariam Ferrán.

Na clasificación por equipos federados o Atletismo Santiago asegurouse a vitoria final no CorreSan ao situar a catro dos seus deportistas entre os nove primeiros: o gañador Jorge Puig, Diego Alonso (cuarto), Arturo Ramos (quinto) e Roberto Trigo (noveno).

En categoría escolares 1 os tres primeiros no cadro masculino foron Alejandro Couselo, Mateo Dagnac e Iván Casas, e no feminino Demeku Paniagua, Debris Paniagua e Sabela Raposo.

En escolares 2 impúxose Brais Picón por diante de Sergio Prieto e Ricardo Vieira. O podio feminino foi para Ainoa Gontán, Alejandra Formoso e Ainara Fernández.