A Real Sociedade de Ciencias e Humanidades dos Países Baixos premia a Marta Pita, exalumna do Rosalía

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Xa desde a súa etapa no instituto compostelán acumula numerosas distincións e agora realiza a súa tese doutoral

04 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Real Sociedade de Ciencias e Humanidades dos Países Baixos outorgou a Marta Pita Vidal o premio Jong Talent Prijz / Young Talent Award 2019 por un traballo de investigación. O acto celebrouse recentemente na cidade de Haarlem, sede da institución, onde Marta estivo acompañada da súa familia, desprazada desde Santiago. É o terceiro recoñecemento que recibe este ano nos Países Baixos, onde realiza a súa tese doutoral, na Universidade de Tecnoloxía de Delft.

Esta nova, nacida en Ferrol en 1994, reside en Compostela desde pequena. Estudou primaria no colexio dos Tilos (Teo), secundaria no IES Pontepedriña, e bacharelato internacional no IES Rosalía de Castro. Na súa etapa non universitaria xa había destacado, ao obter recoñecementos como a medalla de ouro das olimpíadas españolas de Física e Química no ano 2012. Tamén representara a España en olimpíadas internacionais e gañou a medalla de prata na Iberoamericana de Química, en Santa Fe (Arxentina), no 2012.

Marta Pita estudou o dobre grao universitario de Matemáticas e Enxeñería Física na Universidade Politécnica de Cataluña. O último ano realizou unha estancia de investigación no Instituto de Ciencias Fotónicas de Castelldefels. Despois desenvolveu o proxecto de fin de grao no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, nos Estados Unidos, tras un convenio deste centro e a universidade catalá. Foi bolseira da Fundación Barrié e actualmente está integrada, en Delft, no laboratorio QuTech de Física Cuántica, e investiga sobre computación cuántica co profesor Leo Kowenhoven, referencia internacional nesta disciplina.

A principios deste ano, Marta Pita recibiu o premio Endrik Casimir 2019; e o mes pasado, uns días antes do recoñecemento da Real Sociedade de Ciencias e Humanidades dos Países Baixos, fora distinguida co premio como mellor graduada en ciencias aplicadas pola Universidade de Tecnoloxía de Delft.

Na súa etapa non universitaria, e a pesar da súa inclinación polas Ciencias, Marta Pita tamén fora galardoada por un traballo literario, no premio de narración breve Happy Curtis, convocado no ano 2012 polo Concello de Curtis.