Liñaio, un século de historia da primeira escola de indianos

EMILIO FORJÁN NEGREIRA / LA VOZ

SANTIAGO

FORXAN

A parroquia negreiresa presentou o libro do centenario

01 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ous emigrantes que fundaron en Cuba a Sociedad de Instrucción La Moderna de Barcala querían que os máis novos da parroquia de Liñaio «non tivesen a desgraza deles, de ter que emigrar lonxe da súa terra», segundo di José Antonio Romarís, ex dirixente veciñal e encargado de recompiar a historia da escola. Uns emigrantes que remitiron fondos para construír o edificio preto da igrexa, así como os planos.

Foi dez anos despois da fundación cando se fixo realidade o proxecto da escola. Anos máis tarde remataríase a vivenda do mestre. Inaugurouse un 30 de novembro de 1919, cunha festa na que os músicos interpretaron os himnos español e cubano, izáronse as bandeiras e houbo bombas de palenque.

Onte foi un día histórico para a comarca de Barcala. Conmemorouse o centenario da posta en marcha da primeira escola de indianos. La Moderna de Barcala foi disolta no 1933 na Habana, sendo o seu presidente Juan Iglesias, que lle da os poderes a Landino Hombre, do Sindicato Agrícola de Liñaio para que en 1933 se faga cargo da escola ata que en 1950 cesou a súa actividade.

O presidente da Asociación de Veciños de Liñaio, Manuel Ángel Leis Míguez, á vez que alcalde, lembrou no acto de aniversario como no 2016 a directiva tivo que avalar co seu patrimonio un préstamo por unha subvención da Xunta de 15.000 euros para rehabilitar o edificio ante o seu deterioro. Andrés Forján, o primeiro alumno da escola que chegou a ser mestre, tamén participou na presentación do libro, Liñaio en pé. Cen anos de historia, e dixo: «Aqueles emigrantes viron que había tres clases sociais, e a humilde e máis pobre estaba completamente abandonada, porque esas familias non tiñan posibilidades de emigrar. Por iso pensaron en axudar a esa xente para que tivese coñecementos mediante unha escola», destacou.

A xornada festiva puxo colofón a un ano cheo de actos conmemorativos. Incluíu un xantar de confraternidade cunhas 170 persoas, a descuberta dunha placa polos nenos presentes, así como unha gran tirada de fogos de artificio e a música da charanga Tíralle do aire.