O Sergas designa de servizos mínimos a 161 especialistas na folga de atención primaria

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A xerencia da área sanitaria afirma que xa están implantadas «máis do 95 % dás medidas de mellora comprometidas a curto prazo»

27 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Sergas designou a 161 especialistas para exercer como servizos mínimos na folga convocada para hoxe e mañá nos centros de atención primaria. Nomea a 96 médicos e 39 pediatras en quenda de mañá, e 18 e 8 pola tarde. Garante a presenza dun profesional nos centros onde traballan 4 ou menos; e ata 4 onde exercen 13 ou máis.

A maiores, nos Puntos de Atención Continuada (PAC) exercerán 22 médicos, tanto pola tarde como pola noite.

A xerencia da área sanitaria de Santiago afirma que xa están implantadas «máis do 95 % das medidas de mellora comprometidas a curto prazo no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 e o 100 % están iniciadas, aínda que non rematadas».

No ámbito dos recursos humanos, esas medidas supoñen que agora o 86 % de quen atenden as consultas dos centros de saúde teñen praza en propiedade, afirma. Ademais, destaca que se avanzou «en novas formas de contratación» que supoñen maior estabilidade. Así «26 facultativos acadaron unha interinidade este mes e 6 máis contan cun contrato de continuidade. As novas interinidades beneficiaron aos centros de Souto de Vea, A Estrada, Bertamiráns, Brión, Concepción Arenal, Lalín, Muros, Touro, Valga e Vila de Cruces, así como nos PAC de Bertamiráns, A Estrada, Boiro, Lalín, Muros, Ordes, Rianxo, Santa Comba e Santiago. Por outra banda, 4 enfermeiras contan xa con contrato de continuidade e 54 acadaron unha praza como interinas, ademais de 3 matronas de atención primaria, 2 fisioterapeutas e 1 hixienista».

As melloras inclúen así mesmo a dotación de máis tecnoloxía; obras de construción e mellora de diferentes centros, con proxectos relevantes en Milladoiro, A Estrada, Melide e Lalín; ou que primaria poida acceder a máis probas diagnósticas, sostén a xerencia.