Kravic asina os mellores números

Manuel García Reigosa
m. g. reigosa SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O pivote serbio lidera as clasificacións de minutos, puntos, rebotes e valoración

21 novs 2019 . Actualizado ás 18:49 h.

Deixan Kravic é o integrante do Monbus Obradoiro que máis minutos promedia, 28,2. Tamén é o que máis anota (15,4 puntos), o que máis rebotea (6,5 capturas) e o que máis valora (17,7 créditos). Acaba de ser elixido polos afeccionados como o xogador máis destacado de outubro, para levar a primeira das distincións mensuais que outorga Estrella Galicia ao longo da tempada. Nese tramo, o seu encontro máis relevante foi o que asinou ante o Real Madrid, a pesar de verllas o con Edy Tavares.

Unha das razóns polas que acabou recalando en Sar foi sentir que o club o quería como pedra angular do proxecto para esta tempada, ata o punto de agardar por el ata que resolvese a súa situación no Virtus de Bolonia. E, ata a data, os números din que as dúas partes acertaron nas súas formulacións.

Kravic mostrouse encantado co trofeo, sobre todo polo feito de que sexan os seguidores os que deciden cos seus votos. E tamén apuntou que podería ter recaído en calquera outro compañeiro, porque todo o grupo se está esforzando ao máximo. Pare el foron o 48 % dos sufraxios. En segunda posición quedou Magee, co 28 %, e en terceira Álvaro Muñoz, co 24 %.

Ao pivote non se lle escapa o valor da vitoria conseguida en Manresa, tras un inicio de curso cun calendario moi complicado, e confía en que sexa o preludio de máis triunfos, sen perder de vista que «todos os partidos na Liga Endesa son moi complicados». Pon o dedo na chaga da regularidade, na necesidade de render ben durante os corenta minutos porque os apagamentos custan moi caros.

Pon xa toda a atención no encontro deste sábado en Sar fronte ao Andorra: «É un rival complicado porque está a xogar moi ben tanto en Liga como en Eurocup. Non será un partido sinxelo e teremos que dar o 100 % e alimentarnos da enerxía que nos brinda a afección para intentar facernos coa vitoria».

Será o regreso de Nacho Llovet a Sar. Dáse a circunstancia de que Kravic reside na vivenda que antes ocupaba o agora pivote do Andorra. Todo o que lle contaron sobre el é positivo, como xogador e como persoa. E dá por feito que o sábado terá moita oposición. Non só a de Llovet. Tamén a de Diagne e Musli, os outros pivotes que se moven máis preto do aro.

Confía en que o Obradoiro siga mostrando signos de melloría que se viron en Manresa, sobre todo á hora de controlar aspectos do xogo como o rebote e as perdas de balón. Atribúeo ao traballo diario e á atención que presta o corpo técnico a coidar todos os detalles.

Kravic está a formar unha boa sociedade con Pepe Pozas, especialmente nos dous últimos partidos. Recoñece que hai moi boa conexión entre ambos, que se entenden moi ben na pista e que da visión de xogo do base estanlle chegando canastras sinxelas de anotar.

O pivote serbio móstrase esixente consigo mesmo ao significar que non está contento co seu rendemento no capítulo dos rebotes. Considera que debe capturar máis rexeites en atención á cantidade de minutos que está sobre a pista.