O Compos e o atletismo volven camiñar xuntos

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O club recupera a tradición dun deporte que foi da man co fútbol nos anos sesenta e setenta

20 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Na sala de trofeos de San Lázaro coincidiron José Arufe e Gerardo Cachafeiro, que nos anos sesenta defenderon as cores da SD Compostela en probas de atletismo; o vixente presidente, Antonio Quinteiro, que xogou no equipo cando era un veinteañero á vez que se apuntaba a cantas carreiras podía; e nomes propios do atletismo santiagués actual como Eva de la Fuente, Amador Pena e Xosé María Rodríguez.

Arufe lembrou aqueles primeiros tempos nos que tiñan que compartir zapatillas de tacos ou viaxar a Riazor facendo auto stop, co consecuente risco de non chegar a tempo ás probas. E felicitouse por volver ver como o club recupera unha parte da súa identidade ao dar cabida de novo ao atletismo.

Dalgún modo, aqueles primeiros tempos xa afastados no calendario deixaron un pouso que dá paso a esta nova alianza. Arrinca un proxecto que descansa sobre inquietudes compartidas e a idea de competir coa mesma bandeira e o mesmo escudo. En palabras de Amador Pena, que será o director deportivo da sección de atletismo, «o que se pretende é facer una simbiose para seguir medrando».

Cada área deportiva terá os seus propios xestores e tomará as súas propias decisións. Pero tratarán de involucrar novos apoios nas dúas beiras e que algún dos patrocinadores que xa colabora co club tamén poñan o seu granito de area na nova parcela.

Antonio Quinteiro e Eva de la Fuente, que será a presidenta da SD Compostela de Atletismo, estamparon a súa firma no acordo, que recupera aquel modelo que arrincou fai máis de corenta anos. A tempada de atletismo comezará co novo ano e a parir de aí xa se empezarán a ver os deportistas do club azul e branco.

Amador Pena estima que serán entre corenta e cincuenta os que darán o pistoletazo de saída a un proxecto que cualifica como «aberto» e que pretende chegar a todas as idades e ir sumando especialidades.