Un colexio de Oroso recibe 5.000 euros polo seu traballo sobre o Camiño Inglés

j. g. santiago / a voz

SANTIAGO

cedida

O CEIP Camiño Inglés foi galardoado co premio que concede a Axencia de Turismo de Galicia

20 novs 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

O colexio público de infantil e primaria plurilingüe Do Camiño Inglés, de Oroso, recibe os 5.000 euros do premio Camiño de Santiago, na modalidade para centros non universitarios. O galardón concédeo a Axencia de Turismo de Galicia.

Francisco Ávila, director do centro, explica que se recoñece o traballo didáctico e cultural realizado desde que abriu este colexio, fai seis anos. As súas instalacións áchanse na ruta xacobea que lle dá nome, e esa denominación oficial do centro foi un dos aspectos que se tivo en conta.

Ademais, nas celebracións escolares, como os entroidos ou magostos, concursos de fotografías, actividades relacionadas co programa europeo Erasmus, que contempla un intercambio cun centro inglés tamén situado nesta ruta, e outras, prestan especial atención para potenciar o Camiño Inglés. Dedicáronlle así mesmo unha sección específica na biblioteca escolar e un espazo na entrada do centro. Outro aspecto valorado foron os traballos orientados a contactar con persoas que peregrinan.

Parte do diñeiro do premio, avanza o director, será para acondicionar un museo etnográfico e arqueolóxico, un proxecto no que colaboran co historiador Manuel Pazos.