Noelia

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

19 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Noelia ten morriña. Noelia apelídase Cacheiro Quintas, e iso dá idea de por onde pululaban os seus devanceiros. Noelia é moi alta e loura, e foi xogadora profesional de baloncesto en equipos de Holanda, Estados Unidos e Gran Bretaña. E ademais das súas evidentes cualidades físicas que fan que o persoal masculino volva a cabeza con admiración cando pasa pola rúa, é unha persoa brillante e intelixente. Tanto porque, para empezar, soubo -¡e como!- compaxinar o deporte coa formación: ten dúas carreiras, dous másteres e está a piques de rematar o doutoramento. E nese navegar polo mundo recalou en Newcastle, e a mellor das súas dúas universidades non deixou escapar a oportunidade de contar con ela como profesora,

A pesar diso, Noelia quere volver. A terra tíralle. Pero sabe que o que ten padriño, bautízase, e o que non, non. E no fondo posúe unha mentalidade anglosaxoa, aínda que talvez non se dea conta: cre que coa súa formación e a súa experiencia debería ser doado polo menos que houbese un interese por ela, ignorante de que a endogamia é a principal característica da universidade española. Que non se trata de ser moi boa senón de quen che apoia para que entres, camuflado o sistema nuns criterios de selección que presumen de ser iguais para todos, algo que non se traga ninguén (preséntese vostede a pelo a unha praza calquera e vaia co seu currículo por diante a ver se hai interese en contratalo). Noelia é de Xunqueira de Ambía, en Ourense. E ten morriña, moita morriña. Témome que, como repito que intelixencia non lle sobra, seguiraa tendo durante moitos anos porque volver agora é, sinxelamente, un suicidio profesional. Así está o país.