Compostela en negro volve para «vacinar» contra a violencia machista

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O Concello centra a campaña este ano no sector empresarial e os colexios

20 novs 2019 . Actualizado ás 00:49 h.

A campaña de concienciación contra as violencias machistas arrincou onte coa entrega á Asociación de Empresarios do Tambre das dous mil vacúas contra esa secuela coas que o Concello quere visualizar ese problema entre o empresariado e os traballadores da área industrial. Estas vacinas dialécticas pretenden achegar á poboación actitudes de respecto e advertir sobre outras que contribúen ao machismo, «como consentir e animar bromas e comentarios sexistas».

 

Presentadas nun pack que contén unha camiseta negra da campaña, unha pulseira que acredita que a vacina foi posta correctamente e un adhesivo para o coche co logotipo de Compostela en negro, e coa advertencia de que «a violencia machista é contaxiosa», o Concello anima aos composteláns a «vacinarse» contra ela con «respecto, coidado e empatía» e refugando ese consentimento e animación de bromas e comentarios sexistas «que tamén son machismo».

A campaña abriuse no polígono empresarial cun acto que reuniu á concelleira de Igualdade, Noa Díaz; ao presidente da asociación empresarial, José Fernández Alborés; e ao director xeral de Castrosúa, Pedro Boix. A primeira repartición dese material fíxose onte mesmo a través do restaurante Galuresa do Tambre, e repetirase o día 25 (25N), a xornada internacional contra as violencias machistas. Pero as empresas que queiran solicitar material para as súas traballadoras e traballadores poden contactar coa asociación que preside Alborés.

Entre as receitas contra a violencia machista está tamén a educación, polo que a concellaría de Igualdade dirixiu outra fase desta campaña aos centros escolares. Desde Raxoi anímaselles a sumarse á campaña colocando a lona negra que identifica esta iniciativa nas fachadas dos seus edificios e asistindo con indumentaria negra o día 25 á concentración e lectura do manifesto no Obradoiro.

A lona negra contra as violencias machistas que identifica a campaña loce xa nos balcóns do Concello, o Hostal e o Reitorado, envolvendo cunha única mensaxe a monumental praza. Compostela en negro foi unha iniciativa do goberno de Compostela Aberta que chegou a boa parte de Galicia co lema En negro contra as violencias machistas e que ademais de numerosos concellos apoian tamén as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Raxoi anima ao comercio a facer súa de novo a iniciativa

O acto central desta campaña será o día 25, no Obradoiro, coa lectura do manifesto e a representación de proxectos realizados para a ocasión por diversos colexios dentro do certame convocado polo Concello. Ese mesmo espazo serviu onte de escenario a alumnas de Maxisterio para mostrar os seus traballos contra a violencia machista dentro da materia Socioloxía da Educación. Nada tiña que ver coa campaña municipal, pero os seus performance estiveron perfectamente arroupadas polas lonas dos balcóns da praza.

Outras actividades antes do 25 e un día despois achegarán aos composteláns distintas iniciativas de concienciación contra esa secuela. E desde o Concello anímase aos comercios, entidades e asociacións da cidade, e á cidadanía en xeral, a vestir de negro estes días e levar esa cor aos seus escaparates a través do material distribuído en anos anteriores e con imaxinación. Quen precisen material poden solicitalo na sede de Servizos Sociais, en Galeras.