O gran buraco do Clínico

Serafín Lorenzo A pé de obra

SANTIAGO

16 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai moitos anos, demasiados, que o recinto que rodea o hospital Clínico quedou abandonado á súa sorte. A imaxe dos vehículos espallados polas beirarrúas, sobre os espazos que foron ideados como zonas axardinadas ou inutilizando os pasos habilitados para os peóns, é máis propia dunha zona de trincheiras que do exterior dun complexo sanitario punteiro en moitas das súas especialidades. Ese contraste entre o caos que impera no exterior e a excelencia dos profesionais que investigan e prestan asistencia aos seus pacientes dentro dos edificios resulta humillante. Porque, ademais, esa anarquía no aparcadoiro é un factor que multiplica os riscos para os pacientes que se dirixen ao hospital e que en moitos tramos ven abocados a transitar pola calzada ante a imposibilidade de saltar por amais dos vehículos que ocupan as veredas.

Por iso son máis difíciles de entender os motivos polos que esa situación se prolongou, e agravado mesmo cos anos, sen que as administracións implicadas, a autonómica e a municipal, teñan sido capaces de articular unha resposta. Os proxectos que se han ir esbozando para construír novos aparcadoiros non acaban de concretarse, e aquel incremento de prazas ligado ao que será -ou ao que ía ser- o futuro edificio de Medicina fía unha solución incerta e a longo prazo. Así as cousas, só cabe interpretar a mellora da calzada e a sinalización que proxecta a Xunta como un primeiro paso para acabar coa barra libre e pór orde. O contrario será seguir alimentando un caos incomprensible.