O Certame Galego de Bandas Populares reúne a 1.300 músicos esta fin de semana

La Voz

SANTIAGO

Cedida

Participarán 21 formacións de Galicia, Portugal e Castela e León

01 novs 2019 . Actualizado ás 22:32 h.

Santiago revalidará esta fin de semana o título de capital das bandas populares. Vinte e unha formacións, integradas por 1.300 músicos, competirán por levar o título á mellor da súa categoría no Certame Galego de Bandas Populares, que se celebrará no Auditorio de Galicia. Trátase da edición máis numerosa e internacional celebrada ata o momento despois de manter a aposta de abrirse á participación de formacións doutros puntos da Península, neste caso, catro de Portugal e unha de Castela e León, ademais das dezaseis galegas.

O certame será retransmitido en directo e repartirá preto de 23.500 euros en premios. Contará con cinco secciones: infantil, xuvenil, primeira, segunda e terceira, dependendo, por unha banda, da idade dos compoñentes, e no outro caso, do número de integrantes de cada unha.

Na sección infantil participarán a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, a Escola de Música de Vilaboa e a de Santágeda. Eles serán os encargados de dar o pistoletazo de saída ao Certame Galego de Bandas Populares a partir das 10.00 horas. Despois, tamén durante a mañá do sábado, tomarán a testemuña as formacións xuvenís da Escola Unión Musical de Tenorio, a Banda de Riba de Ave, a Municipal de Celanova e a Escola Banda de Música de Antas de Ulla. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, será o momento da sección segunda, coa participación da Lira de Ribadavia, a Banda de Música Popular de Rubiós, a Sociedade Filarmónica de Crestuma e a Banda Municipal de Caldas de Reis, que pechará a primeira xornada.

O domingo abrirán as actuacións a sección terceira coa Banda de Música Vila de Cedeira, Bombeiros Voluntarios de Póvoa de Lanhoso, a Banda de Música Mestre Lupi, a Agrupación Musical de Goián e a Agrupación Musical de Belesar. Pola tarde, o broche será coa sección primeira, que reunirá á Orquestra de Sopros da Academia de Artes de Chaves, a Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Sons e Soño, a Banda de Vilatuxe e a Escola de Rianxo.

O certame está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares e conta co apoio da Xunta a través da Agadic. O seu director, Jacobo Sutil, participou onte na presentación, do mesmo xeito que a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón.