Máis de medio século vendendo castañas asadas en Compostela

Por Patricia Calveiro

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

Xa está instalado en Porta Faxeira o posto de Manolo Prieto, incombustible aos seus 67 anos

26 oct 2019 . Actualizado ás 23:39 h.

É un dos homes máis agardados cando o outono se instala en Santiago. Manolo Prieto leva 53 anos vendendo castañas asadas na cidade. Empezou moi novo, con só 14, e aos seus 67 segue alegrando as tardes grises de Compostela con ese doce aroma. O seu pai foi quen introduciu a primeira locomotora de castañas na capital galega, a Santa Fe, a finais dos anos corenta. Ata entón, as mulleres facíanas a pé de rúa nunha tartera cun bidón de butano. Hoxe o veciño de Concheiros (heladero no verán e castañero no inverno), conduce un modelo de tren parecido ao do seu pai, ao que lle incorporou un motor e algún que outro arranxo máis. O que non cambiou é a receita, que segue atraendo a longas colas. Este luns formábanse as primeiras en Porta Faxeira. «Nos primeiros días este traballo é duro. Os tres ou catro primeiros costa fisicamente. Chega un a casa baldado», recoñece Manolo, quen percorre co carro catro quilómetros de ida e outros tantos de volta para ocupar o seu posto. Alí aguanta, á intemperie, desde as cinco ata as dez da noite -como mínimo-, quentando de cando en vez as mans coa calor das brasas. Xubilarse? O seu pai tiña máis de 80 anos cando o fixo e de caste vénlle ao galgo. «Eu son dos que, se pode e teño saúde, sigo traballando. Necesito estar na calle. Sen saír a ela, non me acostumo», di Manolo, currante curtido onde os haxa. Levando medio século con castañas entre as súas mans, di que as deste ano «de calidade son moi boas, pero hai pouca a nivel xeral, nas distintas zonas de Galicia». El sempre trae as primeiras da tempada da zona de Parada de Sil, de onde era o seu pai, e cando se acaban acode a outros produtores de Ourense, terra de castañas por excelencia. «Ao final da tempada, cando escasea a de aquí, vendo a de Portugal porque a de alí é máis tardía», apunta. 

PACO RODRÍGUEZ

Cocteleros a proba

As cocteleras entraron en acción onte en Santiago, onde se celebraron as dúas primeiras semifinais da Competición de Coctelería Boanerges, apadriñada polo bartender do mercado, José Gamiz, recoñecido como un dos 20 mellores mixólogos de España. A primeira proba, celebrada no pub Atlántico, ía de creatividade. Na segunda, no Delusx SCQ, premiábase a rapidez e esixía facer seis cócteles sete minutos. Medindo a súa destreza, unha decena de cocteleros: Enrico Basile, Gabriel Secolo, Adán Armas e María Rodríguez (de Canarias), Diego Abal (Bueu), Eva Lazo (Barcelona), Manuel Matos (Boqueixón) e Pablo Bugallo; e en representación de Santiago, Marcos Ferro (do Hotel Monumento San Francisco) e Ana Pinzas (Boavoa). Hoxe enfrontaranse ao terceiro exame no Boanerges, onde ademais haberá unha masterclass de Daniele Cordoni, quen dará as claves para preparar unha competición de coctelería. A final será mañá e pasa por unha cata a cegas e unha maridaxe cun chef con estrela Michelin como Yayo Daporta, buque insignia do Boanerges. A competición posta en marcha este ano busca homenaxear a arte da mixología «desde a nosa terra, onde, xa desde tempos inmemoriais, os nosos devanceiros espantaban ás meigas co noso cóctel máis mítico, a queimada». 

PACO RODRÍGUEZ

Mellor parrillero galego

A choiva atrasou outra competición, a final rexional do campionato nacional Mestre Parrillero disputada na Alameda. Puxeron toda a carne no asador, neste caso chuletas de vaca Okelan, Miguel Leal, Totó Caamaño, Slavic, Paco Gómez, Bruno Casal, Pepe (Hotel Roma), Víctor Lores, José Hermida, Miguel González, Daniel Suárez, José Fernández, Rubén García, Fredy Carballo, Marco (O meu Lola), Ana Machado e Esteban Rodríguez. O vencedor resultou de Santiago. Foi Víctor, do Papatorio, quen representará a Galicia na final do Salón Gourmet.