A colleita do Ulla chega con calidade

María Rodríguez

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A subzona coruñesa, por razóns climáticas e orográficas, pecha as vendimas de Rías Baixas

11 novs 2019 . Actualizado ás 10:40 h.

Cada ano, coa chegada do outono conclúe a campaña de recollida da uva e arrinca un proceso case tan importante como o da maduración. A subzona do Ulla, a única de toda Galicia da provincia da Coruña, é unha das últimas en pechar a campaña de recolección debido ás súas particularidades climáticas e orográficas. Pero a principal diferenza desta zona respecto das demais de Rías Baixas é que a súa produción non depende tanto da evolución do clima e do comportamento da planta. Isto ocorre porque, ao tratarse dunha subzona de recente integración no paraugas do consello regulador, o volume de colleita aumenta cada ano debido ás novas plantacións, xa que a superficie amparada para o cultivo de viños do Ulla é moi superior á que se utiliza para este fin.

Coas uvas recentemente chegadas ás adegas, o Consello Regulador aínda non pechou as cifras oficiais para esta campaña, aínda que si confirma que haberá unha redución global que pode ser do 17 % respecto ao ano pasado, o que pode supor unha recolección duns 32 quilos de uva. Tamén presaxia que a do 2019 será unha anada «de calidade e moi aromática», xa que a uva chegou sa e con boas gradacións», á espera de analizar o equilibrio de acidez dos mostos, que agora están en pleno proceso de fermentación.

Proba deste diferente comportamento é que na zona do Ulla a superficie de cultivo non deixou de crecer, xa que das case oitenta hectáreas rexistradas no ano 2005 aumentaron de forma significativa, e a última cifra oficial elévaas a 18. E en base aos proxectos en marcha en varios concellos con novas plantacións, a barreira das duascentas hectáreas parece estar ao virar a esquina.

Turismo vitivinícola en alza

Nalgúns casos son proxectos de turismo rural que combinan á vez a produción de viños, pero tamén hai casos nos que ocorre o contrario, adegas de longa tradición que aproveitando a coidada contorna e a beleza paisaxística de coidadas hectáreas de viñedo decidiron aproveitar rehabilitados pazos para ofrecer unha oferta especial ás portas de Compostela.

Expansión

Na subzona Ribeira do Ulla están integradas parroquias de Vedra , Padrón, Teo, Boqueixón, Touro, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces. A produción creceu rapidamente, xa que no 2005 recolléronse 394.438 quilos de uva e hai un ano xa foron 1.554.177 quilos.