A Casa do Cabido exhibe catro relatos fotográficos coa esencia do Camiño

La Voz

SANTIAGO

«A paisaxe e a súa pegada II» inclúe imaxes de Xoán A. Soler, Andrea Costas, Eva Díez e Denís Estévez

12 oct 2019 . Actualizado ás 00:00 h.

«Busquei artistas que traballaran coa poética da fotografía, co lirismo, coa metáfora e desde diferentes puntos de vista». E o obxectivo de Mercedes Rozas, comisaria da exposición A paisaxe e a súa pegada II, impulsada polo Consorcio de Santiago, cumpriuse con fartura. Os fotógrafos Andrea Costas, Eva Díez, Denís Estévez e Xoán A. Soler tiñan o mesmo punto de partida: reflectir o Camiño e a propia cidade, pero o resultado é completamente diferente, como se poderá comprobar ata finais de decembro na Casa do Cabido. Unhas imaxes que tamén distan moito das realizadas para a primeira parte da mostra por Alberte Peiteavel, Javier Tenente, Sheila Pazos e Tino Viz.

Xoán A. Soler -fotógrafo de La Voz de Galicia- tomou como punto de partida os catro elementos da natureza, engadíndolle dúas máis que forman parte da esencia de Compostela: pedra e ceo. Reflectiunos nunha vista das torres da Catedral nunha mañá de néboa desde o monte Pedroso (aire); unhas botas dun peregrino colgadas no Obradoiro (terra), un mar de paraugas na Rúa do Franco (auga), unha posta de sol nos soportais de Cervantes (lume), as escaleiras do arco do pazo de Xelmírez (pedra) e un rastro de estrelas coa escultura aos peregrinos no Monte do Gozo (ceo). «Este é o meu gran de area para que, como dicía Valle-Inclán, Compostela siga parecendo eterna», afirmou o autor.

Pola súa banda, Eva Díez parte da investigación sobre a orixe do Camiño para unha proposta na que combina cartografías do ceo e a terra cunha imaxe de Fisterra. «Interésame que antes se vivía mirando ao ceo e á terra, pero parece que agora só vivimos mirando á terra», explicou.

A proposta de Denís Estévez, Mapa inverso, mira á natureza tomando como referencia unha persoa invidente, pero que, a pesar de nunca ver nada, xestiona o espazo. «Aínda que sexa todo tan escuro, sempre hai unha vía», asegurou o artista. Fixo as fotos de noite cun punto de luz xerado por un foco.

Andrea Costas optou por unha metáfora ligando o Camiño e a lactación materna. «Andaba eu co aleitamento dos meus fillos e parece algo doado, pero tamén ten momentos complicados. É un percorrido que pode ser moi místico e transformador. Ademais, o Camiño é tamén Vía Láctea», detallou.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, destacou na inauguración a capacidade dos artistas «de percibir e de transmitir as súas ideas» .