Unha cadea de favores en Santiago saca o lado positivo de Facebook

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

María Castro administra o grupo de acción social, que xa ten máis de cen membros

09 oct 2019 . Actualizado ás 18:02 h.

Fronte ao lado máis destrutivo das novas tecnoloxías, á superficialidade das redes sociais e á tiranía dos haters e trolls, nacen iniciativas capaces de sacar o lado positivo destas ferramentas. Un bo exemplo diso é a cadea de favores que xurdiu en Santiago ao amparo dun grupo de WhatsApp e que deu o salto a Facebook. A iniciativa sae da organización Xuntos Podemos, encabezada pola santiaguesa María Castro Gigirey. Conta que a organización solidaria non chegou a desaparecer: «Baixamos un pouco a intensidade e a exposición ao público. Quedou un grupo de WhatsApp coa xente que colabora máis activamente». Nel, compartían as necesidades de persoas específicas e de oenegués da cidade para tratar de darlles resposta. «Pero a aplicación de mensaxería ten un número limitado de xente e, cando xa non se podía meter a máis, creouse un grupo público en Facebook, que xa ten máis de 100 membros», engade. O funcionamento? É simple. Basta con compartir unha publicación dando a coñecer a urxencia ou carencia social, agardando que outro membro do grupo teña na súa man liquidala ou ben compartir a mensaxe ata dar con alguén que preste a axuda necesaria. «Falamos, ás veces, de cousas que nos poden parecer bobas, pero son significativas para quen non as ten. Acórdome dunha nena moi boa en patinaxe, que leva anos practicándoo. Cando a apuntaron este ano na actividade, os seus pais non tiveron en conta que lle creceu o pé e xa non lle servían os patíns que tiña. Por algo tan insignificante tiña que darse de baixa. Custounos só un clic atopar a un benefactor. Apareceron do número 38 e doutros moitos. Neste caso, unha persoa prestouse a comprarlle uns patíns novos, medias e todo o equipo. Para min, só con que unha nena ou un ancián saia beneficiado, isto xa merece a pena», explica María, quen traballa no hospital como economista. Dedica a súa hora do café a facer xestións e as tardes a xestionar a páxina de Facebook solidaria. A cadea de favores de Xuntos Podemos xa conta con máis dun centenar de persoas, principalmente de Santiago e a súa comarca, «aínda que tamén hai algún que vén desde Vigo», incide a compostelá. Ela fai de intermediaria para pór en contacto aos benefactores coas persoas necesitadas para respectar a lei de protección de datos. Tamén se fai eco das necesidades das oenegués locais: «A carencia de voluntariado é unha das máis grandes que teñen. Dependen moito do curso económico e escolar. Agora que chega o inverno, por exemplo, estamos coa campaña de roupeiro do albergue de San Francisco e Sentinelas necesita roupa de abrigo para nenos de máis de 6 anos e calzado a partir do número 30». Confesa María que «tiña medo que alguén se aproveitase da cadea para o seu propio lucro, pero a xente é moi respectuosa nisto e non van por conseguir nada gratis». Esta canle serve, por outra banda, «para que a xente se acostume de falar de solidariedade e de axuda nas súas redes sociais», engade. 

CONCHI PAZ

Día da Ciencia

O Colexio de Fonseca acolleu onte a celebración do Día da Ciencia en Galicia, na que se homenaxeou a figura de Tomás Batuecas. A Real Academia de Ciencias entregou as Medallas de Investigación aos premiados: Carlos Diéguez, director do CiMUS; os catedráticos da USC Alfredo Bermúdez, e María Teresa Moreira; Xavier Labandeira, da UVigo; e José Luis Mascareñas, director científico do CiQUS. 

Feiras Activas

Preto dun centenar de persoas, entre eles grandes e maiores, gozaron o domingo en Lestedo coa actuación do clown e malabarista Kote Malabar, organizada no marco do programa Feiras Activas de Boqueixón.