As garantías dos Franco

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña DE PRIMEIRA MAN

SANTIAGO

25 sep 2019 . Actualizado ás 09:33 h.

Hai xa dous anos que o Goberno local de Santiago, con Compostela Aberta á fronte, iniciou o proceso xudicial para recuperar a propiedade das estatuas do mestre Mateo que formaban parte do conxunto escultórico do pórtico da Gloria. E vai para longo, porque a outra parte, a familia Franco, conta coa garantía dos xulgados, que non outorgarán a titularidade á Administración local se non poden demostralo. Con Meirás, máis do mesmo. O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña admitiu recentemente as solicitudes do Concello de Sada e da Xunta de Galicia para intervir no proceso iniciado polo Estado para reclamar á familia Franco a propiedade do pazo, hoxe en mans dos herdeiros do ditador. O litixio tamén irá para longo, porque de novo, os Franco dispoñen da salvaguardia da Xustiza para defender os seus dereitos. E tamén no que se refire á casa Cornide da Coruña, que o Concello quere recuperar, pero que para iso precisa dun aval xudicial que anule a cesión da propiedade a Carmen Polo no ano 1961. Agora, o Tribunal Supremo dálle a razón ao Goberno e autoriza a exhumación dos restos do Franco do Val dos Caídos e desestima o recurso da familia, que pretendía enterralos na Catedral da Almudena. Os netos do ditador non están de acordo e anuncian que recorrerán ao Tribunal Constitucional, o intérprete supremo da Constitución Española, ese compendio de leis que defende os dereitos de todos os españois, tamén dos que estrañan os tempos nos que non existía.