Cortizo recibiu a unhas 400 persoas con currículos para a súa oferta de 50 empregos

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

Á xornada de portas abertas acudiron moitos mozos con perfís variados

21 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A empresa multinacional Cortizo esperta interese por formar parte dela. Quedou demostrado onte, na primeira xornada de selección e portas abertas que organizou a compaña no seu centro produtivo de Padrón para captar a traballadores con perfil técnico, tanto para fábrica como para oficinas. Ten necesidade de cubrir unhas 50 vacantes e na convocatoria inscribíronse máis de 500 persoas, polo que se formaron colas ás portas das oficinas principais da compaña. Ao final do día pasaron uns 400 aspirantes, para alegría da empresa, que tamén destacou o perfil dos mesmos.

Ademais de entregar o currículo e realizar unha primeira entrevista, a xornada incluíu unha visita ás instalacións da fábrica, máis curta que a que se lle ofrece aos familiares dos traballadores, segundo explicaron desde a empresa. Así, os aspirantes puideron coñecer, en grupos de 20, o proceso de extrusión, anodizado, lacado, o almacén intelixente e a área de embalaxe.

A firma pediu titulación de ciclo medio ou superior para poder acceder a unha das vacantes, pero onte había desde aspirantes con estudos de Secundaria ata universitarios, como licenciados en Matemáticas, Psicoloxía e ata arquitectura de interiores. E había moitos novos.

Para os consultados, era a primeira vez que acudían a unha convocatoria deste tipo, talvez porque non é habitual entre o empresariado e, de feito, Cortizo é a primeira vez que a organiza. Habitualmente, a empresa recolle currículos os martes e xoves pola tarde, pero a xornada de onte buscaba adaptar máis o perfil ao posto a cubrir.

«É un evento que foi creado única e exclusivamente para que os aspirantes vexan o que se fai aquí e a partir de aí se valore onde poden encaixar», explicaron desde a empresa. Estaba dirixido aos veciños de Padrón e comarca e doutras próximas, como Santiago, Barbanza ou Salnés pero onte había candidatos ata da cidade da Coruña, todos co currículo baixo do brazo e en busca dunha «oportunidade de traballo e de vida», como dixo Isabel Cristina Tomei, unha emigrante retornada que vive en Negreira.

MERCE ARES

«A ver se o meu perfil encaixa»

Rafael Recarey García é arquitecto de interiores. Ten 32 anos e reside na Coruña. Decatouse da xornada por un portal de emprego e acudiu coa expectativa de que «o meu perfil profesional e a miña experiencia encaixe nalgunha das vacantes que ofrece a empresa». Era a primeira vez que asistía a unha xornada deste tipo e valorou positivamente que se celebren.

MERCE ARES

«Unha oportunidade para comezar»

Andrea Cristina de Oliveira Piñeiro é unha emigrante retornada do Brasil. Ten 44 anos e reside en Rois. É licenciada en Matemáticas e está coa homologación de título en España. Busca emprego desde que volveu, en xaneiro do ano pasado. Busca traballo porque representa para ela, segundo di, «unha oportunidade de comezar aquí unha nova vida».

MERCE ARES

«Busco un traballo e tamén aprender»

Nerea Rial ten 21 anos e é de Vilagarcía. No seu caso, ten finalizada a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e explica que se presentou á convocatoria porque busca traballo. Ademais, gustaríalle «poder chegar a aprender cousas novas e abrir a mentalidade». Ela estaba á cola pola mañá, para entregar o currículo e realizar a entrevista co equipo de Recursos Humanos.