Esther Pedrosa: «Ao non estar a miña filla, teño máis posibilidades de gañar a carreira»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A edil de Deportes de Santiago estará este sábado na liña de saída do CorreSan nocturno

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Esther Pedrosa estará na liña de saída da primeira carreira do CorreSan 2019. A edil de Deportes do Concello de Santiago partirá co obxectivo de gañar. Quere romper a cinta como primeira clasificada despois de percorrer os 5,5 quilómetros do circuíto nocturno polas rúas do centro histórico da capital galega. «Gustaríame ser a primeira, ou polo menos estar entre as tres primeiras. Todo dependerá do estado de forma das demais atletas, pero non será nada doado gañar. Haberá rivais moi fortes, seguro. De todos os xeitos, o meu peor adversario era a miña filla, que non estará. Xa non vive en Santiago e non poderá participar. Se estivese ela, eu xa sabería de antemán que non podería gañar. Sen ela teño máis posibilidades», explica a concelleira compostelá. «Eu adestraba con ela, é moito máis novo e en distancias curtas non tería nada que facer. Este sábado non se quen vai correr, pero haberá deportistas moi boas».

Pedrosa agarda que co paso das semanas se vaia incrementando a participación no CorreSan. «Metémolo un pouco a última hora polo cambio de goberno municipal, pero agardamos que máis adiante se incremente a inscrición». A atleta veterana, lembra que este ano o circuíto nocturno farase ao revés para intentar conseguir que a saída sexa máis fluída e apunta que se trata de «unha carreira moi rápida. Hai que saír bastante rápido para evitar problemas nunha saída difícil e cun percorrido no que destacaría a baixada da Conga, na que tes que ter moito coidado, pero que debes facer moi forte, e o acceso desde Pórtaa Faxeira cara á Alameda. A proba non ten unha gran dificultade. É moi doado para os deportistas que non corran a ritmos elevados. É case todo baixada e doado de facer. Ademais, só son cinco quilómetros, unha boa distancia para os que adestren un ou dous días á semana».

En bo estado de forma

Esther Pedrosa insiste en que non podería faltar a esta cita, que está a agardar desde hai semanas. «Claro que participarei. Aínda que sexa concelleira corro igual. Iso non mo quita ninguén. Ademais, chego nun bo estado de forma. Veño de ser subcampioa de Europa de 1.500 metros e terceira de cros na categoría máster». Nesta ocasión estivo en Venecia e sempre que pode sobe ao avión para competir. «Dependendo da distancia ás veces non podo correr, pois temos que pagar os desprazamentos. Cando é en Europa si que vou. Por exemplo, en Toronto vaise celebrar o Campionato do Mundo o ano que vén. E, claro, non irei porque é un gran desembolso económico».

A edil compostelá apunta que a carreira nocturna ten unha participación limitada porque «se quixésemos ter máis xente teriamos que cambiar o percorrido por rúas máis anchas. Ter máis de mil persoas neste percorrido é realmente moi complicado. Para os que van máis amodo non é tan complicado, pero si o é para os que van nas posicións de arriba».

Tampouco baralla a posibilidade de incrementar o número de carreiras en próximas edicións do CorreSan: «Non temos orzamento para iso. Tampouco é necesario facer 50 carreiras para facer un bo circuíto. Con catro ou cinco ben feitas está moi ben para que o cidadán senta que é unha festa para todos. Ademais, hai outras citas fóra de Santiago, está a carreira pedestre popular de outubro e a SantYaGo10K. Creo que se completa un ano bo para as necesidades da cidadanía. Gustaríame unha media maratón polo Camiño, pero xa non depende de min. Agardo que se poida retomar».