Sen palabras, sen perdón

Emma Araújo A Contraluz

SANTIAGO

18 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O luns non adoita ser un bo día, pero hai inicios de semana que marcan especialmente. Este luns foi un deles porque, en pleno vórtice de inicio de ciclo, a todas as persoas de ben, e eu considérome unha delas, encolléusenos a alma e xeáronllenos as tripas co aviso de que un ser, ao que non se lle pode atribuír nada bo de ningunha especie do reino animal, segou a vida a tres mulleres, esnaquizándolla tamén á familia das vítimas do seu atroz asasinato e á súa propia.

En situacións así non hai palabras que poidan definir os sentimentos de quen coñecían a María Elena Jamardo e ás súas dúas fillas, Sandra e Alba Boquete, tres mulleres que xa non están pola sinxela razón de que Sandra exerceu o seu dereito a vivir conforme aos seus desexos e posibilidades co apoio da súa familia. E el quixo que non fose así.

Ás persoas de ben non nos saen as palabras, en parte porque tras o primeiro golpe deste atentado de terrorismo machista vemos que hai seres innombrables que si as teñen para buscar algunha xustificación a semellante barbarie, coma se non fosen conscientes de que esta sociedade, enferma de patriarcado, tamén pode darlles unha inmerecida sacudida.

Poida que a quen seguimos coas tripas conxeladas non nos saian as palabras durante días, pero nas nosas conciencias temos moi claro que non hai perdón posible polo ocorrido nin ante calquera intento de xustificación, da mesma forma que non hai consolo para quen coñeceron e amaron a estas tres mulleres que xa non están porque el así o quixo.