Con semántica de campaña

Serafín Lorenzo A pé de obra

SANTIAGO

15 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

De todos os indicios que delatan a proximidade dunha campaña electoral o máis obvio é o que ten que ver co manexo da linguaxe. Os tempos en política veñen marcados por unha selección dos verbos na que tradicionalmente se multiplicaba a forma prometer e na que agora proliferan os sinónimos, cos que vés dicir o mesmo pero rebaixas a carga grotesca. Da habitual retórica posibilista o político salta agora á pantalla do si a todo, e xa case se intúe ese aroma das papeletas que, a forza de insistir, está a facerse máis familiar que o do turrón.

En Santiago escenificouse esta semana todo isto, coa visita do delegado do Goberno en funcións. O alcalde recibiu cumprida resposta a todos os asuntos que son prioritarios para esta cidade, que levan anos séndoo. Si ao desbloqueo da ligazón orbital, crucial, como hoxe mesmo lembran os empresarios nestas páxinas, para a conexión dos polígonos industriais do norte coa AP-9 e coa maltreita autovía de Lavacolla. Si á mellora do firme do periférico, cuxo avanzado estado de desintegración en moitos tramos require dunha actuación integral de todo o seu trazado. Si ao reforzo da seguridade nunha cidade cuxa policía local está, en palabras do propio Bugallo, «xa non en mínimos, senón baixo mínimos». E si, entre outros asuntos apremiantes da axenda local, ao que parece máis complicado de encaixar, esa reforma do proxecto da estación intermodal que reclama o alcalde.

Todo é posible en portas do que parecía incrible, unha nova campaña.