O Sigüeiro abrirá o curso en Preferente o domingo ante o Ribadeo

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O club agarda unha boa entrada en unha xornada histórica

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Sigüeiro, novo na categoría, abrirá o curso como local este domingo no Lino Balado ás 18 horas fronte a un dos clásicos de Preferente, o Ribadeo.

A pesar de que a xornada inaugural chega en plenas vacacións de agosto, o club confía en que haxa unha boa entrada nunha xornada histórica para a entidade.

O Dubra, que a pasada campaña logrou a permanencia con folgura, tamén empeza a campaña como local. Recibirá o domingo ás 19 horas no Juan Baleato ao Lemos, que retorna á categoría tras dous anos en Primeira Autonómica. Adrián Vázquez segue a cargo de un equipo que aposta claramente pola continuidade.

Boimorto e Xallas

O Boimorto visitará Cantarrana o domingo ás 19 horas para medir forzas co Viveiro. A gran novidade estará no banco, co debut de María Jesús Cores como máxima responsable técnica. A pasada campaña encargouse da preparación física e nesta toma as rendas técnicas.

O Xallas tamén se estrea a domicilio. Ás 18.15, igualmente o domingo, visitará A Cheda para enfrontarse ao Residencia. Será tamén o debut de Adrián Lema no banco, a cargo de un equipo que parte co obxectivo da permanencia.