Musgalia abre o ciclo de Folk e Jazz no claustro de San Martiño Pinario

juan aceiro / s. l.

SANTIAGO

C. VILLAVERDE

O grupo compostelán Brúa e Carlos Barruso Quinteto completan o programa

21 ago 2019 . Actualizado ás 04:50 h.

Un ano máis, o mosteiro de San Martiño Pinario albergará unha serie de actuacións pouco habituais entre os seus muros. Mañá, no seu claustro, arrinca a segunda edición do Festival de Folk e Jazz, que se enmarca dentro do ciclo Peregrinos polo Camiño da Música.

Os artistas debutantes desta primeira xornada serán a banda Musgalia, acompañados pola aveludada voz de Silvia Ferre, que prometen sacar a relucir o seu mellor e máis castizo repertorio de música celta a partir das 21.00 horas.

A segunda rolda de concertos comezará o sábado, tamén a partir das 21.00, coa posta en escena de Brúa, grupo de folk compostelán que destaca pola súa fixación pola música tradicional galega, ademais da portuguesa e a asturiana. Entre os seus integrantes figuran Xavier Agra (frauta), María Blanco (violín), Roi Sampedro (guitarra) e Manuel Carballada (bodhrán, un instrumento de percursión procedente de Irlanda).

O ciclo de actuacións, no que colaboran a Xunta e o Xacobeo 2021, finalizará o luns co concerto dos jazzeros Carlos Barruso Quinteto. A veterana formación que dirixe o saxofonista Barruso, diagnosticado o pasado decembro cun cancro de páncreas terminal, será a encargada de pechar a xornada a partir das 21.00 horas, na que promete ser unha virtuosa demostración dos dotes dos seus integrantes.