Deteñen a unha veciña de Ames con case 300 plantas de marihuana na súa casa

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

A Garda Civil localizou a plantación de forma casual: cando varias persoas se meteron por erro na casa de ao lado en lugar da vivenda da detida

19 ago 2019 . Actualizado ás 17:43 h.

Axentes da Garda Civil do posto do Milladoiro, en Ames, detiveron en colaboración coa Policía Local a unha veciña do municipio como presunta autora dun delito contra a saúde pública. O achado das 291 plantas de marihuana e diversos útiles para o seu cultivo que culminou coa detención da muller produciuse de forma casual, por mor dunha chamada á Policía Local de Ames na que se informou de que persoas descoñecidas trataran de entrar na súa vivenda. Segundo a versión achegada nesa chamada, ao verse sorprendidas esas persoas marcháronse do lugar e o autor da chamada asegurou que se introduciron nunha vivenda próxima.

Foi a investigación dos movementos dos asaltantes, que foron inmobilizados, a que permitó realizar a inspección que acabou co achado das plantas de marihuana, que a propia Garda Civil cualifica de «casual». As xestións posteriores permitiron aos axentes constatar que o acceso dos retidos a ese inmoble debíase a unha relación de amizade coa arrendataria do mesmo. De feito, o intento de entrar á outra vivenda estaba motivado polo descoñecemento dos asaltantes da localización exacta. As pescudas posteriores permitiron localizar no interior do piso 291 plantas de pequeno tamaño, sistemas de ventilación, lámpadas de gran potencia, sistemas de rega e outros útiles para o seu cultivo. Finalmente, a arrendataria do inmoble foi detida e posta a disposición do xulgado número 3 de Santiago.