A USC sitúase de 456 no ránking das dous mil mellores universidades do mundo

UXÍA CARREIRA / I. C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Respecto ao ano anterior, a Universidade de Santiago descendeu trinta postos

07 ago 2019 . Actualizado ás 23:34 h.

O World University Ránking, máis coñecido como CWUR, publicou a clasificación anual das dous mil mellores universidades de todo o mundo. A USC mantense entre os 500 centros mellor valorados, ocupando este ano o posto 456, e sitúase de décimo terceira entre os centros universitarios españois.

O CWUR establece os datos segundo a análise de 20.000 institucións universitarias e clasifícaas segundo a súa execución académica. A institución establece sete indicadores para realizar o estudo en relación co tamaño da universidade. O primeiro parámetro é a calidade da educación e computa un 25 % da puntuación final. Mídese segundo no número de alumnos premiados con recoñecementos internacionais, e neste ránking non consta ningunha na USC. O segundo indicador é a inserción laboral do alumnado, fixado polo número de exalumnos que tiveron postos de CEO, é dicir, de dirección executiva, nas principais empresas do mundo. Este indicador supón un 25 % da nota final e é a cifra destacada da Universidade, xa que ascende a 898. Outro dos elementos estudados para realizar a listaxe é a calidade do persoal docente, cun 10 % da puntuación total. Este indicador atende ao número de académicos premiados con recoñecementos internacionais, do que tampouco consta ningunha para a USC no ránking de CWUR. Para rematar, puntuou con 430 o rendemento da investigación segundo os resultados, as publicacións de alta calidade, o índice de citación e a influencia, referida esta última aos traballos publicados en revistas altamente reputadas. Cada un destes elementos puntúa un 10 %.

A nota final da USC é de 74,7 sobre 100, igualada con outras oito universidades. Respecto da clasificación do ano anterior, a puntuación total da Universidade ascendeu unha décima, establecida en 74,6. En relación ao posto do ránking, a USC pasou da posición 426 á 456. E en comparación ao resto de universidades españolas presentes no ránking, a USC moveuse da décimo primeira posición á décimo terceira, por detrás da Politécnica de Cataluña.

426

CWUR

O ano anterior, a Universidade de Santiago situouse como 426 neste ránking mundial.

401-500

Ránking de Shanghái 2018

A listaxe máis prestixiosa do mundo sitúa á USC entre os 500 mellores centros.

601-800

Times Higher Education 2018

Na clasificación mundial de The Times, as 3 universidades galegas están neste tramo.