Padrón activará mañá un punto lila contra a violencia machista

ou.l. PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

Será na rúa Ferreiros e estará operativo desde as oito da tarde ata as dúas da madrugada e atendido por persoal especializado

23 jul 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Padrón activará mañá, durante a celebración das actividades festivas do Santiaguiño do Monte, un punto lila informativo e de acompañamento a mulleres vítimas de agresións machistas. Será na rúa Ferreiros e estará operativo desde as oito da tarde ata as dúas da madrugada. O punto será atendido por persoal especializado.

Segundo explicou onte a concelleira de Igualdade e Muller, Lorena Couso, esta acción enmárcase «na preocupación do Concello fronte a unha lacra, pretendendo crear espazos seguros para gozar das festas con tranquilidade». Por outra banda, o Concello pechará mañá ao tráfico o centro de Padrón, á altura da estatua da pementeira e da ponte do Carmen. Será de oito da mañá a cinco da madrugada.