Lúa


Hai medio século que o Apolo 11 despegou da Terra con rumbo á Lúa. Catro días despois, chegaba á superficie do satélite e a humanidade culminaba a súa maior epopea tras o descubrimento de América. Chegar á Lúa foi a maior aventura colectiva xamais vivida e fixo que os nenos dos anos 70, de calquera país ou continente, contestásemos só dúas cousas cando nos preguntaban que queriamos ser de maiores: futbolista e astronauta. Cincuenta anos despois, o mundo marcouse como obxectivo reverdecer aqueles loureiros e volver conquistar o espazo coa vista posta en pisar de novo o noso satélite e chegar esta vez aínda máis lonxe para pousarnos en Marte. Cando imaxino o futuro, algunhas das cousas que a miña mente evoca parécenme marabillosas. Outras, asústanme, porque creo que esa conquista do espazo esconde a necesidade de buscar outros mundos nos que habitar ante o inminente colapso do noso planeta azul. Estes días, un programa televisivo entrevistaba o ministro de Ciencia, Pedro Duque, que foi tamén o primeiro astronauta español, que dicía algo moi interesante: a Terra é a nosa nave espacial e nosa principal misión debe ser protexela e evitar que a vida desapareza da súa face. Só así, conservando a que é a nosa casa, poderemos afrontar o descomunal reto de explorar e conquistar o universo. O ser humano debe evolucionar. Debe abandonar esa cara depredadora que mostrou ata os nosos tempos. Debe comprender que non podemos pretender saltar de planeta en planeta consumindo os seus recursos. Só así, esta viaxe que iniciou o Apolo 11 terá merecido a pena.

Coñece a nosa newsletter con toda a actualidade de Santiago

Creamos para ti unha selección de noticias da cidade e a súa área metropolitana para que as recibas no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

Lúa