A demanda da risga segue subindo e cóbrana 3.000 persoas na provincia

s. lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O número de beneficiarios crece nas tres cidades e baixa nas súas áreas de influencia

15 jul 2019 . Actualizado ás 23:57 h.

A paulatina mellora da economía é unha realidade tan incontestable como o aumento das desigualdades sociais que inflan a bolsa da poboación con problemas para atender as súas necesidades básicas ou que se asoma á exclusión. Galicia conta con varios indicadores que acreditan as consecuencias deses desaxustes, e un dos máis fiables é a renda autonómica de inclusión de social (risga). Pois ben, os rexistros oficiais acreditan que prosegue a escalada do número de persoas beneficiarias desa paga de 400 euros mensuais, a pesar de que descende a demanda. Son, sen dúbida, repuntes máis mornos que os que abocaron á Xunta a multiplicar o orzamento para sufragar eses programas nos anos máis duros da crise, pero resultan máis significativos nunha conxuntura que nada ten que ver con aquela. De acordo coa memoria elaborada pola Consellería de Política Social, no 2018 superouse o limiar dos 3.000 perceptores da risga na provincia da Coruña (3.017, 69 máis que no 2017). O máis relevante é que soben os beneficiarios nas tres cidades e baixan nos seus cintos metropolitanos.

Coa Coruña cúmprese a lóxica de que a urbe máis poboada é a que ten máis perceptores da risga: 1.279 no 2018, un 7,6 % máis que no ano anterior (1.188). Aínda que esa premisa que relaciona o censo co número de beneficiarios vén abaixo no caso de Ferrol. A pesar de ter menos veciños que Santiago, a cidade departamental supera con fartura o número de persoas que cobran a renda social en Compostela. En Ferrol son 425 (18 máis que no 2017), fronte ás 277 de Santiago (11 máis que no exercicio anterior). Este incremento nas tres grandes urbes da provincia contrasta co descenso de perceptores nos municipios que teñen entre 20.000 e 50.000 habitantes: Ames (56, o mesmo número que no 2017), Arteixo (103, dez menos), Cambre (39, catro menos), Carballo (146, oito menos), Culleredo (74, oito menos), Narón (105, catro menos), Oleiros (38, dez menos) e Ribeira (26, un menos). Obviamente, se se achega a lupa asoman diferenzas rechamantes no número de beneficiarios entre concellos con censos semellantes.

En cambio, esta tendencia á baixa que se observa nos concellos das áreas de influencia das tres principais cidades ou nas cabeceiras de comarca non se cumpre en todos os municipios da provincia que teñen censos situados entre os 10.000 e os 20.000 habitantes. Os beneficiarios da risga descenden ou se manteñen sen variacións en Betanzos (11, un menos que no 2017), Boiro (16, cinco menos), Fene (16, catro menos), Ordes (16, tres menos), As Pontes (16, o mesmo número que no 2017) e Teo (15, tres menos).

Para rematar, no chanzo dos concellos con menos de 10.000 veciños, as excepcións ao descenso xeral de beneficiarios sitúanse na Baña, Cedeira, Cee, Malpica, Outes, Santa Comba, Santiso, Zas e Valdoviño. Neste último municipio, a memoria de Política Social dá conta de 11 beneficiarios da renda autonómica, cando o informe do 2017 aseguraba que non había ningún.

Maioría de mulleres

Máis aló da distribución da risga segundo os concellos e o seu censo, segue destacando a ampla maioría de mulleres entre os seus perceptores. Dos 3.017 da provincia, 1.880 son mulleres, e 1.137, homes. Aínda que tamén aquí hai excepcións. Localízanse en Betanzos, Boiro, Cee, Fisterra, Malpica, O Pino, Valdoviño, Vilasantar ou Zas, con maioría de perceptores masculinos.

En canto aos prazos para xestionar as solicitudes (2.029 tramitadas o ano pasado, fronte ás 2.172 do 2017), na provincia da Coruña situouse en 63 días, que foron 130 sumando os tempos en que os expedientes estiveron paralizados en espera de recibir a documentación. Os motivos máis frecuentes para denegar a risga son superar o nivel de ingresos requirido ou considerar que non está o demandante en situación ou risco de exclusión.